Á Editorial Galaxia van chegando pouco a pouco algúns dos traballos que nos centros de ensino de toda Galicia se levan a cabo para conmemorar o día das Letras Galegas deste 2017 adicado á figura do escritor Carlos Casares. Entre as últimas e máis sorprendentes achegas, traémosvos este vídeo elaborado coa técnica stop motion polo  alumnado de 4º de primaria e infantil de 4 anos e as súas mestras no CEIP García Barbón de Vigo.

Mentres, do IES Aquis Querquernis, na Baixa Limia, chéganos a nova de que Óscar Paz Almeida, alumno de 1º de Bacharelato, resultou gañador da categoría de 2º ciclo da ESO e Bacharelato do concurso de relato oral Tíralle da Lingua, disputado a semana pasada no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cunha adaptación que realizou de O can Rin e o lobo Crispín, de Carlos Casares.

Seguiremos dando difusión a todas estas actividades creativas e cheas de imaxinación que a literatura de Casares esperta entre os máis novos!

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR