Anna R. Figueiredo recolle o Premio Viadutos de Novela e presenta Os bicos feridos

Categoría: Nova
Hoxe, ás 12:00h, o Salón de Plenos do Concello de Redondela acolleu a entrega do Premio Viadutos de Novela 2018, que nesta primeira edición tivo como gañadora a Anna R. Figueiredo (Ourense, 1979). Ademais, tivo lugar tamén a primeira presentación pública da novela galardoada Os bicos feridos, que estes días chega ás librarías da man da Editorial Galaxia.
Con esta iniciativa, o Concello de Redondela, a través da súa concellería de Xuventude, decidía hai uns meses apostar unha vez máis polo apoio e fomento da creación e a publicación en lingua galega. Deste xeito, o Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, que acadaba o pasado 2017 a súa decimosétima edición, e que estaba considerado un galardón de referencia para os novos narradores en Galicia (podían concorrer obras de creadores entre os 18 e os 35 anos), convertíase nun premio de novela que busca tamén o talento senlleiro e que non esquece a súa orixe. De feito, Os bicos feridos é o debut narrativo de Anna R. Figueiredo.
Desta volta, o xurado composto polas escritoras Inma López Silva e Tamara Andrés, as libreiras Mercedes Corbillón e Esther Gómez, e a editora Malores Villanueva, escolleu unha obra rompedora. Os bicos feridos denuncia a través da historia de Olivia, unha rapaza galega cun expediente brillante que se ve obrigada a marchar a Londres para traballar como au pair e muller da limpeza, temas tan de actualidade como a fuga de cerebros, a importancia das redes sociais nas nosas vidas, a complexidade das relacións familiares, entre as que destaca a maternidade, a soidade nas grandes cidades ou o medo á morte.
No acto, que contou coa presenza das membros do xurado e de representantes das autoridades convocantes, interviñeron, ademais da gañadora, o alcalde de Redondela, Javier Bas Corugeira; o concelleiro de Xuventude, Julio Mougán Vázquez; e o director xeral de Galaxia, Francisco Castro.

Comparte nas túas redes sociais ou por email