Reunido hoxe no concello da Estrada, o xurado do XXX Premio de Novela Manuel García Barros decidiu declarar gañadora a novela As Ramonas que, aberta a plica, resutou ser da autoría de Ana Cabaleiro.

O xurado, composto por Eulalia Agrelo Costas, Carlos Lema, Armando Requeixo, Olalla Cociña e Carlos Loureiro, actuando como secreatrio, sinalou que a novela está “Narrada cunha prosa de extraordinario labrado, salienta polo fino trazado das personaxes e a nidia aposta pola forza dos vínculos que veñen da infancia e da adolescencia e tamén da familia e a tribo, especialmente aqueles que a unen ás súas devanceiras e compañeiras”.

As Ramonas é unha historia de protagonismo feminino onde unha fotógrafa experimentada se atopa nunha encrucillada vital e profesional que lle fai cuestionarse todo. Como unha antiheroína do século XXI, a protagonista simboliza no seu camiñar a vitoria da arte sobre as continxencias cotiás.

Convocado polo Concello da Estrada, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia, o XXX Premio de Novela Manuel García Barros (Ken Keirades) é un dos premios de novela de maior traxectoria en lingua galega e un dos de máis prestixioso palamarés: Marcos Calveiro, Manuel Portas, Alberto Ramos, Anxos Sumai, Santiago Lopo… son só algúns dos autores premiados nos últimos anos aos que agora se suma o nome de Ana Cabaleiro. O premio ten unha dotación económica de 9.000 euros e As Ramonas será publicada o vindeiro outono na colección Literaria da Editorial Galaxia.

Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974) é licenciada en Xornalismo, profesión que exerce intermitentemente desde hai dúas décadas. Cursou, ademais, o Master en Estudos Teóricos e Comparados da Literatura e da Cultura da USC, no que investigou e publicou sobre contracultura e ciberactivismo artístico. Tamén ten traballado no eido da discapacidade intelectual e no da cooperación ao desenvolvemento. Como autora, formouse en obradoiros e cursos de escrita, sempre na procura de voces femininas coas que abeirar as mareas da vida. Froito desta experiencias nacía o seu exitoso primeiro libro, a compilación de relatos Sapos e sereas (Galaxia, 2017).

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR