Conflitos globais e locais. Da inseguridade internacional á cotidianidade ignorada
Grial Parga
A serie de televisión británica Years and Years (2019) imaxina unha historia contemporánea atravesada por infinidade de conflitos. O grupo protagonista é unha familia ampla, desde unha bisavoa que non para de asombrarse coas novas tecnoloxías (pero que as usa) ata uns bisnetos que ansían a trashumanización, pese ao rexeitamento dos pais. Todo iso cun fondo onde os movementos migratorios, os líderes populistas, as políticas soberanistas e inestabilidades varias (incluída unha premonitoria invasión de Rusia a Ucraína) afectan os cidadáns dunha forma gradual pero continua. Years and years está narrada desde o gran conflito británico que provocou o Brexit, unha loita xeracional, territorial e política que deixaba en evidencia a clásica definición marxista de loita de clases. Posiblemente por iso, é profundamente pesimista. O futuro, dinos, vai ser un lugar ingobernable.
Os conflitos internacionais —dos que os cidadáns non temos control nin capacidade de decisión— transmiten, na poboación, unha sensación de inseguridade. Pero son os conflitos máis próximos, diarios e correntes, sobre os que podemos actuar e, con todo, ocupan un lugar residual na nosa lista de preocupacións. Todos son importantes, na súa xusta medida. Neste número de Grial pretendemos coñecelos mellor. O xornalista e escritor Brais Suárez, que recentemente publicou Mar Branco. Crónicas de Rusia e Europa Oriental en Editorial Galaxia, achéganos á disidencia en Rusia. Navalni é a cara máis visible, pero moitos cidadáns anónimos tratan de organizarse e sobrevivir nun réxime que revolveu o taboleiro internacional. Os rusos contrarios á política de Putin teñen que convivir cunha represión interna cada vez máis feroz e co illamento internacional que afoga a súa economía.
Un pouco máis ao sur existe outro conflito moito máis descoñecido e que, con todo, leva décadas sen resolverse: o que enfronta armenios e acerbaxanos polo territorio de Nagorno-Karabakh. O politólogo Juan Elías Vergara —a metade do podcast sobre minorías culturais e lingüísticas europeas, Fóra de Mapa, xunto con María Sabarís— expón detalladamente a orixe, o enquistamento e a recente resolución en falso dun enfrontamento centenario en que houbo limpeza étnica e foi ignorado polas forzas internacionais. A república de Nagorno-Karabakh é a última en desaparecer nunha zona que está lonxe de atopar a paz e sobre a que ninguén, nin Rusia, nin a UE, nin Os Estados Unidos, se preocupou. Fora de Mapa é un podcast que conta este e outros conflitos europeos, a maioría deles descoñecidos para o público.
No terceiro artigo falamos do conflito desde unha perspectiva máis ampla. Nos últimos anos, varios investigadores publicaron ensaios sobre o tema. Escollemos algúns deles, que abordan a cuestión desde múltiples puntos de vista, desde o filosófico ata o neurolóxico, para percibilo dunha maneira máis global. Partindo da base marxista de que a loita de clases é inherente a toda sociedade, os séculos XX e XXI non abandonan os mecanismos de construción social a base de conflitos e enfrontamentos entre grupos, senón que cambian de suxeito e de obxecto. A democracia liberal enfróntase a unha cuestión de difícil resposta: “Como é posible que vivamos no mellor dos mundos posibles e non sexamos capaces de acabar coas guerras e cos conflitos sociais?” O Estado foi, durante moito tempo, a solució.