Estás aquí:

Código: 18867

Grial 241. Luísa Villalta. A poeta da Cidade Alta

13,50  IVE INCLUIDO

OS OLLOS LIMPOS DA SIBILA

Luísa Villalta Gómez (A Coruña, 1957-2004), a quen a Real Academia Galega lle dedica neste 2024 o Día das Letras Galegas —co que se une á curta nómina de mulleres que foron homenaxeadas: Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007), María Victoria Moreno (2018) e Xela Arias (2021)—, foi unha intelectual completa e multixenérica nos variados campos que tocou: poeta, narradora, ensaísta, autora dramática, tradutora, música e xornalista de opinión, que estivo atenta aos debates e causas do seu tempo, comprometida e crítica, tanto na literatura como na súa actividade pública, onde a lóxica e a razón foron os seus trazos máis significativos.

Neste número de GRIAL, que abre o ano, preténdese achegar a figura desta polifacética, singular e moderna coruñesa que asentou a súa obra desde unha perspectiva social, e que a converten nun dos máis resaltables nomes das nosas letras, “unha ponte grande e invisíbel baixo os pés”, como referente intelectual nos nosos días. Así, ábrese o monográfico —cun título que quere reflectir a importancia que para Luísa tiña a súa cidade, protagonista máis que escenario poético: “O meu nome é o da Cidade Alta / nacido onde a luz e o mar se están orixinando / mutuamente / nacín enfrente de min mesma”— cun amplo e minucioso traballo de Armando Requeixo, “Rota ao interior de Luísa Villalta”, que, como ben intitula o editor da obra poética da escritora (Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004), Galaxia, 2023), fai un completo achegamento á súa biografía, aspecto esencial e necesario para dar luz e espello á súa variada obra. Requeixo ofrécenos unha radiografía literaria e vital artellada ao redor das artes e das letras, da música, da poesía e do teatro, en contacto continuo cos intelectuais e tendencias máis importantes do seu tempo, militante incardinada nas reclamacións sociais nunha Galicia de cambio e avance cara á modernidade, que se revela nunha escritura densa, conceptual e expresionista.

O artigo de Tamara Andrés, “Un percorrido cíclico pola poesía vital de Luísa Villalta (1985-2004)”, mergúllanos na súa poética, caracterizada por unha autoconciencia extrema na procura do “sentido da escrita, o papel da literatura e a natureza da palabra”, onde a articulista transita polos seus poemarios nun “percorrido poético vizoso e ondulante” inzado de “xogos, allegros, aliteracións e interrogantes”.

Mais non só Luísa é poesía. Inma Otero Varela (“Luísa Villalta, tamén narradora”) reivindica as múltiples facetas artísticas da autora de Siléncio, ensaiamos, Teoría de xogos e As chaves do tempo, as tres obras que viron luz neste xénero, campo fundamental para “coñecer o seu pensamento e personalidade”, onde se nos amosan os seus principais trazos narrativos enmarcados no seu tempo

“O teatro de Luísa Villalta: unha paixón desvelada”, de Alexandrina Fernández Otero, ábrenos a porta do quinteiro dramático, faceta menos coñecida e divulgada e á que se lle prestou pouca atención, que foi unha das súas grandes paixóns, tanto a través de estudos teatrais como de obras de autoría (Concerto para un home só, O representante, O paseo das esfinxes, As certezas de Ofelia e Os doces anos da guerra).

Manuel Naveira Fuentes —que como Tamara Andrés formou parte do proxecto Legados Literarios do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, entre eles o de Luísa— reflexiona sobre a tríade ensaística de Villalta no artigo “O canto das mus(ic)as”, en “saberes estrados, artellados e sementados” nas obras O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral, O outro lado da música, a poesía e O libro das colunas, que se conectan con toda a súa produción e pensamento, xénero onde “a poeta da concreción” deixou moitos máis traballos en múltiples publicacións (lembremos as variadas colaboracións en A Nosa Terra, A Trabe de Ouro, A Festa da Palabra Silenciada, Página Abierta, Mondo Lusofono e Tempos Novos, entre outras, ademais de GRIAL), congresos e palestras, aínda pendentes de recoller por xunto.

O filólogo e cantautor, César Morán, pecha o monográfico con “Do pensamento musical e poético em Luísa Villalta”, traballo que analiza a forte presenza desta arte en toda a súa obra en que “a autora está em constante busca, e entende a vida e a criação artística como um caminho ou processo”, onde “no inicio existia a palavra, e antes dela o som”, aspecto sobre o que Luísa teorizou nos seus ensaios (O outro lado da música…) e na súa poética (Ruído, Música reservada…).

Nas nosas seccións habituais traemos algúns artigos de moita actualidade, como en “Temas do noso tempo”, onde Manuel Anxo Fortes postula que “Israel non é unha democracia”, tanto no seu modo de actuar como na súa lexislación, o que se reflicte de xeito notorio no tratamento a que somete á poboación gazatí, fortemente castigada na desapiadada guerra nos territorios ocupados.

Sen deixar a actualidade, Senén Barro e Alberto Bugarín Diz, do CiTIUS-Centro Singular de Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago, proporciónannos unha clara, concisa, desmitificadora e mesmo tranquilizante visión sobre a intelixencia artificial (IA), tan latente nos medios de comunicación nos últimos meses, escorrentando (desde o punto de vista dos expertos) medos e descoñecemento e analizando o fenómeno desde un punto de vista racional cara ao seu uso e control futuros.

O artigo de Xabier Brisset (“Historia e memoria”) xira ao redor de “Regoela das xentes libres. Intrahistoria dunha das fregesías dos fuxidos”, ao que lle segue, na sección de “Documentos”, o traballo de Henrique Monteagudo, cunha interesante achega sobre o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa a partir dun seu discurso, inédito, no acto de inauguración da Bibliotca Penzol en 1963.

A “Creación” deste inicio de ano ábrese cunha escena de Ubasute, peza teatral de Paula Carballeira, recentemente galardoada co Premio Nacional de Literatura Dramática 2023 por As alumnas, e unhas estrofas de Dakota, poemario Premio Victoriano Taibo 2023, de Masha Álvarez.

O “Espello das letras”, xunto coa nómina de recensións de publicacións de actualidade, acompáñase dos artigos de Xurxo Martínez González, “Un ano despois do centenario da morte de Murguía”, e de Xosé María Rei Lema, sobre uns aspectos pouco coñecidos da poesía de Enrique Labarta Pose: “Feminismo e animalismo en Enrique Labarta Pose”; e péchase a sección cunha valoración de Xosé Manuel Dasilva sobre a tradución portuguesa de A esmorga (A borga).

A “Crónica” chega desde a outra beira do mundo da pluma de Xesús Abalo, cunha ollada desde O Xapón; e, en “Feminismos”, Andreia Lívia de Jesus Leão infórmanos sobre a violencia contra as mulleres afrobrasileiras, nun traballo froito da súa tese de doutoramento.

Manuel Barreiro (“Debates”) valora o funcionamento da TVG, modelo “tautolevisivo […] como órgano de propaganda e ferramenta política”, e péchase o número da man de Fernando Fdez. Rego, con “Muller e tradición. De Leilía a Tanxugueiras”, na sección de “Música”.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 166
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 150 x 230 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 241
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Voces de Atlántica
voces atlantica
33.75€ CON IVE