Estás aquí:

Código: 18600

Grial 240

13,50  IVE INCLUIDO

Ciencia en Galicia nos cen anos do Seminario de Estudos Galegos

Marilar Aleixandre

San Silvestre, 31 de decembro de 1941. Un carro atravesa as rúas de Santiago de Compostela, a carga non é verdura nin valumada, son libros, algúns espállanse polo chan. É o espolio da biblioteca do Seminario de Estudos Galegos. Conta Jesús Carro:

Se acarretó [a biblioteca] en el mismo día por medio de un carricoche tirado por un penco y con cestas llevadas por mujeres. Los libros iban en montones, todos mezclados y cayendo por los suelos, sin cuidado alguno. Las gentes, ante semejante espectáculo, quedaba pasmada y preguntaba de qué se trataba. Los mozos y porteros respondían: “Es la biblioteca de los galleguistas” (Mato, 2001: 330-331).

Ao celebrarmos o centenario do SEG non cabe esquecer a violencia contra a cultura e a ciencia exercida polos sublevados en Galicia e en toda España. O SEG foi desmantelado, expropiado e, segundo Alfonso Mato (2004), que o investigou en detalle, oitenta e cinco dos seus integrantes sufriron morte, exilio, expulsión do seu traballo. Violencias debidas a seren socios do SEG e á súa militancia política. Dezasete asasinados, entre eles Ánxel Casal, editor, Alexandre Bóveda e Camilo Díaz Baliño, que no cárcere da Falcona debuxou uns conmovedores retratos dos que compartían prisión con el. Outros trinta e un, como Castelao e Rafael Dieste, deberon exiliarse. Trinta e sete dos que ficaron en Galicia foron purgados, expulsados da Universidade —entre eles Isidro Parga Pondal— da docencia nos institutos como Otero Pedrayo, presidente, e Antón Fraguas, bibliotecario da institución— ou dos seus traballos.

O 12 de outubro de 1923, en Ortoño, un mandiño de estudantes “acordaron de facer xuntanza na Universidade Galega pra adicarse ao Estudo da Terra”. Soñaban Galicia co propósito de coñecela e de mudala, un compromiso co país afectivo, de amor pola terra, científico, pretendendo construír coñecementos sobre o pasado e o presente, e político —moitos militaron no Partido Galeguista— a reivindicación da lingua e a identidade galega no marco de acadar unha sociedade máis xusta.

O estudo “da Terra”, o obxecto estudado, o país, as súas paisaxes, cultura, lingua e natureza é un dos trazos que fan do SEG un movemento innovador. En segundo lugar, o Seminario atende ás vidas e producións de Galicia, ás necesidades sociais, situadas até entón á marxe dos estudos universitarios, ignoradas por non seren consideradas dignas de análise, así as prácticas agrícolas ou artesáns, o folclore, a cultura popular, a arquitectura tradicional das aldeas e vilas, e non só ao estudo de monumentos e personaxes das elites. En terceiro lugar a metodoloxía, rachando as fronteiras disciplinarias nas xeiras, estudos de campo de parroquias e bisbarras dos que Terra de Melide constitúe unha achega pioneira, e emprendendo os seus estudos, seguindo o modelo de universidade de Wilhem von Humboldt (Villares, 2023), que une investigación e docencia, pois até eses anos as universidades dedicábanse á segunda.

Tronzado o soño do Seminario de Estudos Galegos, arrombada a súa biblioteca nun recuncho da Universidade, o franquismo agochou esta incautación incorporando o seu patrimonio en 1943 ao Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, que Mato (2004) describe como “unha versión franquista e descafeinada do Seminario”. Se nos primeiros anos aínda preserva algo do espírito do SEG, máis adiante as publicacións do seu director durante dúas décadas van en sentido contrario, abandonando o interese polos galegos e galegas do común por estudos sobre a nobreza e o pasado remoto. Por fortuna o INCIPIT-CSIC —Instituto de Ciencias do Patrimonio— recupera ese espírito, con investigacións recoñecidas no Premio Nacional de Investigación 2023 ao seu director, o arqueólogo Felipe Criado-Boado, a quen debemos achegas teóricas sobre a construción social da paisaxe, a idea innovadora de que esta é un produto social que reflicte o pensamento e a experiencia das persoas.

O que aquí interesa é o que nos di cen anos despois o soño do SEG. O tempo transforma ás veces as historias vivas dos días e anos en follas secas de libros. Porén, como sinala Eva Candal, parafraseando a Charles Dickens, a propósito da reprogramación celular, as historias do pasado constrúen as do presente e as do presente constrúen as do futuro. Da historia do SEG hai moito que aprender para a construción do futuro da ciencia en Galicia e do futuro do país, dos soños por acadar unha sociedade máis xusta. Como todas as actividades e prácticas humanas, o traballo científico desenvólvese nun contexto social, nun marco político e ideolóxico —explícito ou implícito—. Hai coherencia entre os ideais políticos do SEG, mellorar as vidas das xentes de Galicia, e a organización dos seus estudos, ao crear para atender as necesidades da sociedade galega o Instituto de Estudios Regionales, co Consultorio de Pragas do Campo e os Laboratorios de Bromatoloxía e Xeoquímica. Abandonar esas liñas de investigación, unha vez tronzado o soño do SEG, foi igualmente coherente co marco político do franquismo, ao servizo das elites económicas.

As prácticas de producir coñecemento do SEG —crebando as fronteiras disciplinarias e temporais— son audazmente interpretadas por Alfredo González Ruibal como epistemicamente anarquistas. Esta idea suxire dúas (talvez máis) cuestións, por unha banda, a atención á práctica que, segundo David Graeber, caracteriza o anarquismo. Graeber refírese á práctica revolucionaria, cara a sociedades en que as persoas poidan autoorganizarse sen que outros teñan poder sobre as súas vidas. Eu conectaría tamén esta idea cos estudos de socioloxía, historia, epistemoloxía e filosofía da ciencia, agrupados baixo o termo Science studies, que nas últimas décadas do século XX revolucionaron as investigacións nestes campos —e en educación— analizando as prácticas sociais do traballo científico nos laboratorios. Identifícome coa atención ás prácticas, estudei a aprendizaxe das ciencias e o desenvolvemento do pensamento crítico a través das prácticas sociais dentro das aulas de ciencias. En segundo lugar, ter en conta o legado do pensamento anarquista recupera a memoria de ideas inxustamente esquecidas e suxeitas a estereotipos. Discutir as achegas do anarquismo excede o propósito deste artigo, mais en Galicia pódense citar, por unha banda, os esforzos por compartir coñecementos e ensinar a ler a través dos Ateneos Libertarios ou La Antorcha Galaica del Librepensamiento da Coruña, que evoca Manuel Rivas (2021) en A nena lectora. Por outra, no tempo do SEG e a Segunda República a CNT era o sindicato de maior afiliación, sufrindo as represalias do golpe, así, Dolores Blanco Montes, dirixente das redeiras de Cangas, ou Urania Mella, filla do intelectual libertario Ricardo Mella. En 1987 traballadoras anarquistas do hospital Gómez Ulla acadaron, para os miles de traballadores civís de Defensa, os dereitos de afiliación sindical que o Estatuto dos Traballadores lles negaba. Cómpre lembrar as achegas intelectuais de Francesc Ferrer i Guàrdia e a súa Escola Moderna, pioneira na coeducación, o pensamento libre e o estudo da natureza no campo.

Un dos trazos das metodoloxías do SEG foi precisamente o dos estudos de campo en equipos interdisciplinarios, as Xeiras, evocadas por Manuel Andrade, comparándoas coa laboriosa procura dos fragmentos do meteorito polos Ancares e Sarria, recadando as colaboracións, tanto da veciñanza como de colegas da universidade. O traballo de campo co alumnado de secundaria para estudar a natureza foi un dos eixes nos anos 80 dos grupos de innovación, onde percorriamos Galicia armados só co mapa xeolóxico de Parga Pondal. O 23 de novembro de 1979 foi emocionante escoitalo no Laboratorio Xeolóxico de Laxe, acollido en Sargadelos, ante profesorado de secundaria: “nuevas caras que me hacen pensar en un futuro esperanzador para la geología de Galicia […] estoy seguro de que sabrán recoger la antorcha y llevarla constantemente hacia adelante” (Parga Pondal, 1980, p. 1). O facho que nos entregaba viña do SEG, nas súas palabras baixo o futuro da xeoloxía latexaba o futuro de Galicia.

Na xenealoxía do SEG insírense os estudos desta homenaxe, unha pequena cata na investigación científica en Galicia, os catro interdisciplinarios en distinta medida. Achegas que mostran o compromiso por construír ciencia en Galicia, sendo parte da cultura galega.

Na historia do SEG percibimos hoxe, ao contemplala cun enfoque feminista, unha desigualdade, a ausencia de mulleres. Das doce socias unicamente dúas aparecen nas actas (Mato, 2010). Á cuestión da historia das mulleres en Galicia, dedica Ofelia Rey Castelao o seu programa de investigación e publicacións. O seu último libro (Rey Castelao, 2021) galardoado en 2022 co Premio Nacional de Historia, que por primeira vez premia un libro de historia social, é un estudo sobre as migracións, unha ferida sen cicatrizar en Galicia. No artigo reivindica os estudos sobre a xente do común, trazando o percorrido das investigacións sobre historia das mulleres co propósito de tiralas da invisibilidade, argumentando que a historia de xénero é unha achega central á renovación historiográfica. Se a ollada de Ofelia Rey, que revela as mulleres ocultas, é feminista, non é menos certo que foi a ollada patriarcal a que as invisibilizaba. Todo traballo opera nun marco ideolóxico.

Manuel Andrade Valinho podería citar a Verne, como Eva Candal a Dickens, pois o artigo sobre o meteorito de Traspena ten un inicio propio das novelas de aventuras demostrando, contra os estereotipos, que a física e as matemáticas son fascinantes. Non cae un meteorito todos os días, é a primeira caída documentada en Galicia. Mediante un novo modelo aerodinámico da súa autoría, Andrade calculou a traxectoria atmosférica, identificando en Baralla o lugar do impacto. A procura enfrontouse a obstáculos, como a densa vexetación dos montes galegos e a competencia con cazadores dedicados ao espolio do patrimonio xeolóxico, como os detectoristas espolian o arqueolóxico. Ademais da traxectoria atmosférica, Manuel Andrade calculou a órbita heliocéntrica do asteroide orixinal, algo até agora posible só para unhas decenas de meteoritos. O artigo combina detalles dos cálculos con achegas artísticas como a partitura musical do meteorito galego.

Eva Candal aceptou o desafío de narrar para o público a historia da reprogramación celular, unha liña de investigación punteira. Nun contexto de avellentamento da poboación e doenzas dexenerativas, que tanto afecta a Galicia, é prometedora a posibilidade de inducir a xeración de novas neuronas, produtoras de neurotransmisores, fotorreceptoras da retina, ou outras. Di a autora que as leccións do pasado transforman o presente e en consecuencia constrúen o futuro. No século XX o desenvolvemento da xenética foi influído polos discursos deterministas atribuíndo aos xenes, ao ADN, a causa de todos os fenómenos biolóxicos, atrasando a aceptación da regulación dos xenes e da complexidade dos mecanismos causais. Evelyn Fox Keller suxeriu o interese de estudar o desenvolvemento, a embrioloxía, como fai a liña en que se insiren os traballos de Candal e o seu equipo, e certamente reprogramar células non suscita os problemas éticos doutras liñas, como a clonación humana ou o cultivo de células nai embrionarias. A comprensión do texto é máis doada grazas ás imaxes do grande ilustrador Fran Bueno Capeáns.

Conectando explicitamente o seu artigo co modo en que o SEG entendía a paisaxe, Alfredo González Ruibal propón un relato arqueolóxico da igualdade centrado nos experimentos igualitarios, nas resistencias ao poder. Este enfoque é parte dun programa de investigación en arqueoloxía do conflito que o levou a dirixir a primeira escavación en España dun campo de concentración (Castuera). O seu último libro (González Ruibal, 2023) atende ás persoas anónimas, ás vidas tronzadas polas guerras. No artigo segue un percorrido desde unha orde igualitaria —non en canto ao xénero— da que as mámoas son evidencias materiais, e o rexurdimento da comunidade nos castros, ás aldeas, en que sitúa a orixe da nosa paisaxe. Ao estereotipo do conservadorismo campesiño opón a idea novidosa da resistencia labrega materializada na persistencia da aldea. Iconas da resistencia galega ao poder son as Revoltas Irmandiñas, e o autor le as ruínas dos castelos como a materialización dunha vitoria, aínda que pasaxeira. Espazos de resistencia aos que apela Alfredo González Ruibal para “inventar ou reinventar o colectivo, o rural, a nosa cultura”.

Os catro artigos constitúen unha homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos, ao seu espírito de facer ciencia en Galicia, á intención de que a ciencia sexa pública e atenda ás necesidades sociais. O traballo científico, en historia, astronomía, xenética ou arqueoloxía, é unha aventura intelectual onde o motor son as ideas, e ás ideas e aos ideais invoco. Un meteorito maior que o de Traspena causou, probablemente, a grande extinión do Pérmico-Triásico. Neste intre en que a acción humana está causando un quentamento climático catastrófico sen a intervención de corpos celestes, cómpre facer noso o soño da resistencia aos poderes. O noso destino, o destino de Galicia e da Terra, non está escrito nas estrelas, temos que escribilo nós, recuperar o soño do seminario de que as persoas poden mudar o seu destino, termar da esperanza.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 138
Deseño: Rústica
Data Publicación: 04/01/2024
Dimensións 185 x 240 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 240
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 187
grial187
12.00€ CON IVE