Estás aquí:

Código: 18437

Grial 234

13,00  IVE INCLUIDO
Quen desafía o patriarcado? Respostas violentas e contraargumentos
Xénero e violencia Inma López Silva | Álex Alonso Na madrugada do 2 de xullo de 2021, na cidade da Coruña, un mozo chamado Samuel Luiz foi, primeiro perseguido pola rúa e despois brutalmente golpeado por un grupo de persoas ata causarlle a morte. O asasinato, considerado desde o primeiro intre un caso de violencia homófoba, conmocionou o país e, á fin, abriu un debate que a Galicia do século XXI só beireara timidamente ata ese momento, quizais vítima dun substrato violento ancorado na propia estrutura da nosa cultura que agroma de xeito virulento diante da visibilización de identidades diversas, compromisos alternativos aos discursos dominantes, e formas de vida contrarias á heteronormatividade que sustenta o concepto tradicional de familia, alicerce dunha moral maioritaria na Galicia actual. A intolerancia, a incapacidade para aceptar formas de vida diferentes, é unha das causas principais deste agromar da violencia que este monográfico axuda a pensar en termos non estrictamente subxectivos. A violencia aparece así como a negación da liberdade dos outros, do seu dereito para facer a súa vida, e maniféstase a través da intimidación, da ameaza, explícita ou tácita, da invisibilización, que é tanto como negar o dereito a participar na vida pública como diferentes, e a negación do espazo público, que agora se revela tamén como propiedade da maioría social. É a lóxica dos guetos. Así, non ao chou, a violencia exércese contra quen cuestiona as normatividades aparentemente invisíbeis que son os alicerces do consenso social: aquel que destrúe as certezas imaxinarias das identidades sociais que herdamos. A agresión ao diferente, que a asasinato de Samuel Luiz condensou, é a consecuncia última dun mal comunitario que nin é irracional nin xorde de individuos illados, senón que ten as súas raíces na linguaxe, na estrutura social, e, polo tanto, nun consentimento tácito de formas de desigualdade e inxustiza, microinvisibilizacións e microagresións que vemos e escoitamos todos os días. A negación da autonomía do diferente, da liberdade para ser el/ela/ele para ocupar os espazos “públicos” coa que, de feito, convivimos mirando cara a outro lado, lonxe de amosarse como propia de sectores ultras, insensíbeis ou pouco formados da sociedade galega, resulta ser transversal, e maniféstase en todos os ámbitos: en sectores intelectuais (xerando e lexitimimando o relato violento), políticos (con certo medo ás accións lexislativas, que son as que poden levar a loita contra a violencia ás políticas públicas) e nos medios de comunicación (no tratamento pseudoaséptico, irracionalista ou subxectivista destes tipos de violencia), unhas prácticas que atopan a súa xustificación discursiva en complexas redes de opinión e crenzas con diversas arestas en distintos factores socioculturais, mais que se alicerzan en todos os casos no patriarcado como estrutura que reacciona violentamente contra os elementos capaces de desestabilizalo. As páxinas que seguen tratan de expor o problema e de fornecer de elementos para o debate a partir dalgúns deses factores, que seleccionamos como unha achega posíbel sen vontade de exhaustividade, por outra banda imposíbel dadas as características desta publicación. A todas as persoas que colaboraron neste pequeno monográfico, propúxoselles a pregunta que rolda as reflexións antes mencionadas: se o patriarcado se sente atacado, de onde procede o desafío? Como lexitima o patriarcado —uniformador, totalitario— o seu discurso diante da crecente visibilización desafiante da diferenza? Entendemos que é precisa unha reflexión sosegada, desde unha filosofía rigorosa arredor da diversidade, coma a que propón Carme Adán, así como unha nova conceptualización arredor da diferenza nunha cultura, a galega, fortemente condicionada polo sobredimensionamento do discurso sobre unha única identidade, a nacional, que a miúdo deixou de lado a reflexión sobre outras conformacións do eu e dos eus, eses que constrúen a identidade colectiva. Na raíz desa conformación do pacto social é no que se fixa a xuíza Paz Filgueira, a partir da construción política e xurídica do Estado de Dereito, para resumir o tratamento xurídico doutra das formas de violencia patriarcal, a machista. Asemade, detectamos que a linguaxe como construto, lonxe de ser consecuencia, ten moito que ver coas causas da aceptación colectiva dos discursos violentos e a súa propagación, especialmente nun tempo onde a velocidade para o espallamento dese tipo de simplificacións discursivas é enorme a causa da internet. Nesa liña escribe Rexina Vega, nunha reflexión que se pode poñer en relación coas fórmulas artísticas desde as que reconstruír eses discursos, nomeadamente o literario, como demostra Danny Barreto, no seu percorrido pola literatura galega dos últimos anos arredor da diversidade sexual. As ficcións, coma sempre, ofrecen alternativas posíbeis á realidade, solucións creativas, reflexións imposíbeis na inmediatez da actualidade, e afondamentos no trauma persoal e colectivo que non procederían no descoñecemento diario. Cómpre asumir que é preciso responsabilizarse da violencia e de non interpretala nin en termos irracionalistas, como pulsións instintivas, nin puramente psicoloxizantes ou patolóxicas,senón como efecto dunha lóxica social inxusta e desigual. Son estes conceptos, xustiza, igualdade e, dende logo, liberdade, os que poden axudar a entender o que está en xogo na aceptación social o contido político e a responsabilidade de cada un no proceso de lexitimación destas violencias. Cómpre tamén construír politicamente a liberdade e defender o dereito das persoas que se identifican con sexualidades ou xéneros non heteronormativos a facer a súa vida, de gozar dos espazos públicos e da cultura común e non vivir a súa identidade como trauma ou conflito. Queda un traballo por facer, en realidade, que consiste en desfacer, paradoxalmente, a normalización desde a mocidade de actitudes agresivas e violentas, dos silencios, das linguaxes e das formas de identidade normativa que acaban condicionando as vidas dos outros que non poden ser vividas xa de forma libre e xusta. No caso de Samuel Luiz, esa forza silente que lexitima a violencia acabou esnaquizando a golpes o seu corpo unha noite na Coruña.  

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 144
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 234
Edición: 1ªª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 203
Grial 203
12.00€ CON IVE