Neste derradeiro número do ano 2021, a revista Grial quere achegarse, a través do seu monográfico, ao panorama actual da edición en Galicia, para o que conta cunha nómina de autores grandes coñecedores da situación, como Francisco Castro (“O catálogo dun editor é a súa novela”), Henrique Alvarellos (“Un salvavidas para calquera tempo (tamén en pandemia”), Xosé Manuel Dasilva (“A tradución do libro galego. Onte e hoxe”) e Jonathan Dunne (“A proxección exterior das letras galegas”).
Quere tamén este número servir de homenaxe a Xosé Manuel Soutullo, secretario de redacción da revista desde 1988, recentemente xubilado, a través dunha entrevista con el realizada por Henrique Monteagudo e Xesús Domínguez, xunto co artigo de Víctor F. Freixanes “Crónica de Xosé Manuel Soutullo”.
O número complétase coas habituais seccións, onde destaca a de “Lingua” , con traballos de Luís Villares Naveira, Carme Rider i Serra e Andrés Bellas Carballo, ademais dunha mención especial ao primeiro traballo de Xesús Alonso Montero na Colección Grial, hai xa setenta anos.