Estás aquí:

Código: 1333

Grial 231

13,00  IVE INCLUIDO
Autonomía entre dous séculos (1981-2021)
O Estatuto de Autonomía de Galicia cumpre corenta anos de vixencia. Catro décadas constitúen un treito da historia considerable, de maneira que podemos comezar a mirar para atrás con certa perspectiva, reflexionar sobre o que supuxo a autonomía de Galicia para a cidadanía e debater sobre as leccións que se poden tirar da experiencia adquirida cara ao presente e ao porvir do noso país. Con tal motivo, desde Grial convidamos un monllo de persoas con distintos perfís biográficos e diversas sensibilidades a que depuxesen sobre o tema desde cadansúa perspectiva. O conxunto de contribucións recollidas cobren un abano amplo de temas, sen pretender esgotar a cuestión. A politóloga Nieves Lagares analiza a autonomía como marco para a construción dun sistema político galego, a partir de tres premisas básicas: a transición como pacto entre faccións do franquismo e sectores demócratas, as resistencias do centralismo (non só de orixe franquista) e a debilidade do nacionalismo político galego. A profesora analiza a dinámica propia daquel espazo político, con dous eixos —un ideolóxico e outro identitario—, e explica como Alianza Popular-Partido Popular conseguiu a hexemonía política e electoral. Finalmente, considera as escasas posibilidades para unha reforma do Estatuto, que xulga necesaria, no marco dunha reconstrución da organización territorial do Estado. Desde unha posición nacionalista, o xurista Xoán Antón Pérez-Lema remóntase aos antecedentes históricos da autonomía de Galicia, salientando o papel clave que xogou o galeguismo, especialmente durante o proceso estatutario desenvolvido durante a II República. Pola súa banda, o profesor Xosé Luís Barreiro Rivas, que no período fundacional do autogoberno foi un dos arquitectos do poder galego, argumenta sobre o Estado das autonomías desde unha posición frontalmente oposta ao esencialismo historicista, contrapoñendo a lexitimidade político-constitucional a unha impugnada lexitimidade histórica e identitaria. A autonomía galega, coma as autonomías das outras comunidades españolas, constituiría un feito político puro, baseado nun constitucionalismo democrático. Desde as Ciencias Políticas, Roi Pérez analiza a fracasada tentativa de reforma do Estatuto de autonomía que se pretendeu levar a cabo durante o mandato do Goberno de coalición PSdeG/PSOE-BNG. Considera as distintas posicións dos partidos políticos involucrados e detense a considerar as razóns que moveron o Partido Popular a oporse a aquela tentativa. Finalmente, o economista e actual senador socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, que foi voceiro do grupo parlamentario do PSdeG/PSOE na cámara galega e candidato á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións de 2016, autor dun libro titulado Por que fracasou a reforma do Estatuto? (2012), fai balance dos resultados das catro décadas de autonomía nos dous aspectos que considera principais: a construción da comunidade e a construción do benestar, para rematar razoando sobre a necesidade e a posibilidade dun mellor autogoberno e dun novo Estatuto, no marco da reformulación da organización territorial do Estado, e, particularmente, do sistema de financiamento das comunidades autónomas. Tras a lectura destes contributos xorde a pregunta de se o Estatuto de autonomía que serviu para iniciar o camiño do autogoberno de Galicia e transitar desde o século XX ao actual servirá tamén para afrontar os desafíos que o noso país terá que superar no futuro inmediato. O que, de certo, daría tema para outro monográfico de Grial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 158
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección: 231
Edición: 1ªª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 183
grial
12.00€ CON IVE