Grial 223VV.AA.Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda: Camiños explorados Non é a primeira vez que GRIAL dedica atención especial a unha figura das nosas letras ou da nosa filoloxía: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Ramón Piñeiro, Álvarez Blázquez, Luís Seoane… Nos últimos tempos mesmo a personalidades máis próximas (Xohana Torres, Carlos Casares, Anxo Rei Ballesteros) ou mesmo a obras e acontecementos que por unha razón ou por outra merecen este tratamento (centenario da Real Academia Galega, lembranza editorial de A esmorga, centenario das Irmandades da Fala), de dentro e de fóra de Galicia (centenario da reforma protestante, Albert Camus e James Joyce…). GRIAL subtitulouse dende o principio como “Revista Galega de Cultura”, e como tal concibe cada número dun xeito aberto tanto temática como xeograficamente. Tamén xeracionalmente. O apartado monográfico deste número vai dedicado a unha filóloga das novas xeracións, Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Vigo, 1961-2018), que se formou e desenvolveu a súa actividade académica como investigadora moi preto de nós, e que nos deixou prematuramente, moi prematuramente, apenas con 57 anos. A lembranza que GRIAL lle dedica nestas páxinas ten, xa que logo, un algo de extraordinario, polo recoñecemento que supón do seu traballo como investigadora e estudosa da literatura, mais tamén como representante dunha nova xeración que se incorporou aos estudos filolóxicos e literarios contra finais do pasado século, e que está a dar agora os froitos máis granados. Non se trata de dar nomes. Sería inxusto esquecer algún. Mais están na mente de todos e agardamos moito deles. Mágoa que Victoria non puidese continuar un labor que xa dera tantos logros. O profesor Alonso Montero, que foi o seu compañeiro durante anos, fai algúns apuntamentos dos traballos de Álvarez Ruiz de Ojeda, da súa bibliografía, da súa metodoloxía e, máis principalmente, das liñas de investigación que a ocupaban. Haberá que agardar a que moitos deses traballos, éditos e inéditos, estean ordenados para poder presentalos ao público, mais as preocupacións, os temas que interesaban á investigadora, a súa curiosidade literaria e intelectual por determinados asuntos e determinados autores anótanse nas presentes páxinas, senón nos textos que ofrecemos si como noticias e referencias. A obra de Victoria aínda está por ordenar. Agradecemos a posibilidade de publicar seis inéditos que amosan liñas diferentes de investigación: Rosalía de Castro, Federico García Lorca, Valle-Inclán, a literatura portuguesa, representada neste caso por Eça de Queiroz, as relacións entre as linguas e literaturas do Estado (a través de Gabriel Aresti) e achegas críticas a autoras contemporáneas, a obra de Begoña Caamaño, por exemplo, tamén recente e prematuramente desaparecida. Os traballos sobre Rosalía de Castro teñen unha significación especial. As investigacións de Álvarez Ruiz de Ojeda, que xa presentara a súa memoria de licenciatura sobre a cantora do Sar en 1986, son especialmente relevantes e acadaron nos últimos tempos non só importante difusión, senón influencia notable noutros estudos, sobre todo de carácter biográfico, na medida en que recuperaron textos, documentos, testemuños que deitan unha nova luz sobre a personalidade da autora de Follas novas, unha nova personalidade, case que un novo discurso biográfico sobre a nosa escritora fundacional. Só por esas contribucións, desgraciadamente non rematadas, aínda que moi avanzadas, Álvarez Ruiz de Ojeda merecería xa unha atención senlleira nestas páxinas. Non queremos deixar de citar a memoria de Xoán González-Millán (O Grove, 1951-Nova York, 2002) que inesperadamente finou tamén ben novo, con 51 anos, cando máis prometía o seu traballo. Dalgún xeito os nomes de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda e Xoán González-Millán aparecen unidos non só pola súa desaparición prematura, senón polo que ambos os dous anunciaban na súa produción intelectual, e mesmo pola influencia que, cada quen no seu ámbito, tiveron noutros investigadores. Os traballos sobre a figura, a biografía e a personalidade de Rosalía de Castro, a interpretación de moitos aspectos da súa obra, as súas relación familiares etc., podemos dicir que teñen un antes e un despois logo das pescudas de Ruiz de Ojeda. Así o salientou en varias ocasións a profesora Dolores Vilavedra, coordinadora deste monográfico. |
RecensiónsDetalles
Noticias relacionadasObras do autor en catálogo
Actividades relacionadasNovidades
| |||||||||||||||||||||
|