O que propoñemos neste número de GRIAL é unha reflexión sobre o sistema, as estratexias, mesmo nalgún caso as políticas educativas na nosa sociedade contemporánea, primeiro: considerando que a educación segue a ser un dos grandes mecanismos de socialización; segundo: que en ningún caso é un mecanismo neutral, nin inocente, senón que responde aos intereses dominantes; e terceiro: presentando interrogantes, incertezas ou desafíos propios do tempo histórico que nos toca vivir, isto que chamamos a Sociedade da Información e do Coñecemento ou Era da Globalización.
O profesor Xan Bouzada, membro do Consello de Redacción de GRIAL, deseñou as liñas básicas deste número, que titulamos "Desafíos da educación". Desafíos porque, irremediablemente, cada tempo presenta a súa realidade, que cómpre saber enxergar: conxunto de problemas, situacións, novas circunstancias e, xa que logo, novas oportunidades. Nas páxinas que seguen, os colaboradores de GRIAL abordan cuestións que nos afectan e que mesmo vivimos aceleradamente aqueles que dun xeito ou doutro estamos vencellados á docencia.
Nada é inocente no sistema. Nin os currículos, nin os contidos, nin os programas, nin os espazos físicos onde se desenvolve a práctica educativa. Tampouco os recursos (case sempre escasos), nin os métodos, nin a comunidade escolar, nin o conxunto da sociedade, que lle pide á escola ou intenta descargar na escola frustracións, eivas e demandas que en ningún caso esta pode resolver en exclusiva ou de xeito unilateral. Pensemos a educación. Pensémola xuntos, conscientes da enorme significación que o capital humano representa. Pensémola, sobre todo, ollando cara ao futuro, nos desafíos que o século nos ofrece.
A maiores, neste número de GRIAL recollemos algúns outros traballos a salientar. Tal como anunciamos, Albino Prada continúa e complementa a súa entrega sobre as "Causas e custos da dispersión", reflexión que nos enfronta á configuración do territorio e ás características da poboación, equipamentos e servizos, perante as necesidades do desenvolvemento (económico e social).
Henrique Monteagudo aborda a figura histórica de Ramón Piñeiro (1915-1990), un dos fundadores de Editorial Galaxia, dende a análise das estratexias que o intelectual galeguista e o seu grupo desenvolveu a prol da lingua galega durante a ditadura. O interese pola significación política e intelectual de Piñeiro, como principal estratega do galeguismo nun determinado momento histórico, abofé que ha de medrar co tempo, e o ensaio de Monteagudo apunta nesta dirección. Coincide coa
saída das primeiras entregas da Biblioteca de Autor Ramón Piñeiro (Editorial Galaxia).
Dous ensaios e unha longa entrevista cerran esta entrega: Francisco Díaz-Fierros Viqueira viaxa ao século XVII e evoca a figura de Tomás de Lemos, frade dominico que aparece asinando, xunto con outros once, o informe do Santo Oficio que dá
orixe ao proceso contra Galileo Galilei. Un capítulo abondo coñecido da historia da Ciencia, mais sempre estremecedor e sorprendente. Daniel Soutullo, pola súa banda, apunta relacións entre a bioloxía e a vida artificial. A entrevista, que tamén
anunciabamos no anterior número da revista, propón un diálogo entre dous artistas da fotografía: o tamén escritor e poeta Vítor Vaqueiro (entrevistador) e Manuel Vilariño, recente Premio
Nacional de Fotografía (entrevistado).