Estás aquí:

Código: 1274

Grial 171

12,00  IVE INCLUIDO
Cen anos coa Real Academia Galega, 1906-2006
A Real Academia Galega (RAG) cumpre cen anos. O número 171 dedica un monográfico á institución máis antiga e representativa da cultura galega, promovida desde A Habana polo tipógrafo ferrolán Xosé Fontenla Leal e o poeta Manuel Curros Enríquez, e presidida desde o 30 de setembro de 1906 por Manuel Murguía.

Traballos de Xosé Neira Vilas, que informa dos antecedentes emigrantes da institución; Xosé Luis Axeitos, quen dá conta dos grandes momentos da historia da RAG durante este século de existencia; Henrique Monteagudo, que comenta polémicas e posicionamentos na etapa anterior a 1936; Manuel Ferreiro, editor de Os Eoas de Eduardo Pondal, analista dos procesos de investigación literaria, e Serafín Alonso Pintos, que trata da significación da RAG no proceso de normativización ortográfica do idioma nos últimos tempos, configuran un conxunto de ensaios que son homenaxe, máis que dan información histórica e noticias, e que nos han achegar un pouco máis ao coñecemento da Academia, "esa descoñecida", en palabras do seu actual presidente.

A xeito de complemento, Víctor F. Freixanes conversa con Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG, "de académico a académico", tanto sobre o presente como sobre os proxectos futuros.

O número, abondosamente ilustrado con fotografías e documentos, adianta unha parte da correspondencia que Ramón Piñeiro mantivo co profesor Basilio Losada. Reproducimos as cartas dos anos 70 e 71 que dan conta dos debates internos na RAG e das relacións desta institución co Instituto da Lingua Galega e máis coa Universidade de Santiago, na procura de acordos ou liñas de actuación común cara a construción dunha normativa ortográfica, mortolóxica e sintáctica estable para o galego. Son documentos de grande valor polo que contan e polo que comentan, reforzando o compromiso que o Grupo Galaxia viña asumindo naquel momento a prol da recuperación da RAG despois da guerra civil.

No eido da Comunicación ofrécense dúas achegas valiosas arredor dunha nova realidade cada vez máis puxante, o mundo dos "blogs". Os especialistas e profesores da USC, Silvia Canabal, Manuel Gago e Xosé López falan de "Bitácoras, lingua e cultura", e a xornalista e escritora galega Débora Campos, filla de emigrantes e residente en Buenos Aires, desde onde promove o blog "Fíos invisibles", fai un interesante percorrido pola presencia da cultura, a comunicación e a lingua galega na Rede pedíndolle neste caso prestado o título a Eduardo Blanco Amor, Xente ao lonxe.

Un número variado e con interese, na liña de GRIAL, Revista Galega de Cultura, que segue a medrar. X. Antón Álvarez Salgado fala de "Investigación na oceanografía das rías" e Xulio Ríos escríbenos desde Beijin, no gran continente chinese, a Carta que incluímos na sección Crónica.

A maiores, coma sempre, crítica de libros, ensaios varios, comentarios e noticias no "Rego da cultura" e as páxinas de creación con novas voces femininas: Rebeca Baceiredo, da que vimos de presentar recentemente O suxeito postmoderno. Entre a estética e o consumo, Premio Ramón Piñeiro 2005, e Oriana Méndez, de quen próximamente publicaremos na colección Dombate o seu primeiro libro de poemas: Derradeiras conversas co capitán Kraft. Neste número de GRIAL ofrecemos un adiantamento.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 152
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 27 x 18.5 mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

AUTORES/AS

Non temos datos do autor