Un ano máis, un equipo de estudosos da nosa literatura, dirixido por Dolores Vilavedra, nos ofrece un completo análise do estado da cuestión.
O Anuario 2005 comeza cunha análise da complexa estrutura da obra Bretaña, Esmeraldina de Xosé Luís Méndez Ferrín, a cargo de Anxo Angueira, dentro da sección Estudos. Nesta mesma sección atopamos o interesante artigo de Olga Castro Vázquez sobre "As traducións da literatura galega no Reino Unido", no seu contexto máis recente (de 1995 a 2005).
Tamén nesta sección, Dorinda Rivero Pedrero fai un fermosísimo estudo sobre as "Reminiscencias pictóricas do Quattrocento e do Cinquecento no universo literario de Álvaro Cunqueiro", de como determinados temas pictóricos se repiten de xeito recorrente na súa obra.
Manuel Forcadela abre a sección de Panóramicas cun estudo sobre o ensaio galego no ano 2005. José Álvaro Álvarez e Isabel Soto reflexionan sobre o panorama literario infantil e xuvenil do pasado 2005, que fala dun sector estable e consolidado. Dolores Vilavedra leva a cabo unha xeira de profundización na narrativa deste mesmo ano, o mesmo que Helena González Fernández en poesía, e Roberto Pascual co teatro. No ámbito da literatura medieval, Leticia Eirín García fai unha aproximación aos títulos aparecidos en 2005 sobre este tema.
Nas reseñas de libros atopamos críticas arredor de obras como As terceiras mulleres de María do Cebreiro Rábade Villar, As galeras de Normandía de Ramón Loureiro, Herba Moura de Teresa Moure, ou Nas catacumbas de Xavier Alcalá.