Unha nova andaina para o anuario de estudos literarios galegos. Un equipo aberto a futuras incorporacións de estudosos da nosa literatura que asuman os desafíos desta nova etapa. O obxectivo é dispor dun ábano máis amplo de especialistas que o asesoren, unha sorte de rede cómplice que actúe como nexo entre a revista e a sociedade ciéntifica internacional.
O Anuario de Estudos Literarios Galegos inicia unha nova etapa, enmarcado no proxecto xeral da revista GRIAL, que se configura desta maneira coma un amplo espazo de produccións periódicas: Revista Galega de Cultura, Cadernos GRIAL e Anuarios.
Reforzamos un proxecto que naceu hai dez anos da man do profesor Xan González-Millán, na Universidade de Nova York, coa idea de servir de plataforma para a difusión de traballos de investigación literaria galega no mundo, e que ao longo deste tempo logrou convertirse nunha referencia obrigada para os estudos deste tipo. Co apoio da Fundación Caixa Galicia, que desde o primeiro día entendeu a ambición do proxecto, ao igual que fai co Grial e cos Cadernos Grial, o Anuario de Estudos Literarios Galegos (agora Anuario GRIAL de Estudos Literarios Galegos) chega a todos os centros universitarios onde a lingua e os estudos da literatura galega teñen presenza, dentro e fóra do noso país.
Dolores Vilavedra, que na etapa anterior exercía de subdirectora da publicación, asume a partir de agora a direción da mesma, cun equipo renovado de colaboradores directos: Xosé María Dobarro Paz, Manuel Forcadela, Helena González, Carlos Paulo Martínez Pereiro e Camino Noia, e tamén un Consello Científico que se amplía.