En Galaxia botamos a vista atrás para ver cales foron os libros máis vendidos da nosa editorial no pasado 2017.
Encabezando a listaxe, o que sen dúbida foi un dos libros máis importantes do ano, Os nenos da varíola, a novela de María Solar que encheu teatros de adolescentes para falar sobre ciencia e literatura, que conquistou tamén ao público adulto e que recuperou para nós unha das xestas médicas máis importantes da modernidade con lugar en Galicia, como demostra a partir de agora a placa que a propia autora descubriu no Hostal dos Reis Católicos en Compostela.
Importantítisima neste 2017, a homenaxe no día das Letras Galegas para Carlos Casares, de quen atopamos tres títulos entre os dez máis vendidos: o clásico de relatos Vento ferido (1967), peza fundamental para entendermos a Nova Narrativa Galega; As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973), conto pioneiro para a literatura infantil na nosa lingua; e O sol do verán (2002), última novela do autor e unha das máis destacadas dentro da súa traxectoria. Tamén entre os máis vendidos a reedición de Anagnórise (1988), o clásico xuvenil de María Victoria Moreno, que toma o relevo de Casares como homenaxeada co día das Letras Galegas neste 2018, e que promete seguir conquistando lectores con esta historia que forma parte dos recordos de varias xeracións de mozas e mozos galegos.
Finalmente, completan o top 10 algúns habituais destas listaxes como Chamádeme Simbad (2009) de Francisco Castro, Ollos de auga (2006) de Domingo Villar ou A esmorga (1959) de Blanco Amor. E destacan como novidades do 2017 O misterio de Portomarín de Antía Yáñez, que acadaba hai poucos días a súa cuarta reimpresión, e As que máis mola!!! o libro+cd en Sonárbore co que o grupo María Fumaça celebra cinco anos levando aos escenarios unha mensaxe de amizade, felicidade e integración.
Oxalá o 2018 veña igual de cargado de boas lecturas!