Galaxia publica o libro da música viguesa do noso século: “Son da cidade”

Categoría: Nova

Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século, de Pablo Vázquez, ilustrado por Denis Carballás, é un ensaio ilustrado pioneiro que busca divulgar o panorama actual e descubrir a que soa Vigo.
Dunha maneira visualmente atractiva, amena e accesible a todo tipo de públicos, os autores, achegan ás lectoras e lectores, á movida viguesa. Dende o rock ao trap, pasando polo folk, reggae e jazz, nas súas páxinas altérnanse textos, debuxos e material gráfico sobre case cincuenta artistas locais que representan a súa ampla e variada escena musical.
Sen Senra, Eladio y los Seres Queridos, Carlos Núñez, Iván Ferreiro, ou Siniestro Total, son só algúns exemplos do gran talento que atesoura esta investigación pormenorizada.
“Aos máis novos serviralles como unha sorte de álbum familiar, un libro que co tempo se converterá nun paseo pola memoria do tempo que hoxe aínda está presente. Pero, créanme, non quedará aí a cousa. Porque, para os que xa imos contando cunha idade, a exposición a este relato servirá, inevitablemnete , para axustar contas cunhas cantas memorias coas que igual xa non contaban”, asegura o escritor Pedro Feijoo, autor do prólogo do libro.
De sempre, Vigo gozou dunha importante tradición musical. Mesmo antes da Movida dos oitenta, a urbe galega non deixou de acoller os talentosos artesáns do son.
A que soa Vigo? A través destas páxinas, ateigadas de ritmos e son, todas as lectoras e lectores poderán saber un chisco máis sobre a Movida viguesa.
Denis Carballás e Pablo Vázquez, ambos os dous vigueses de 1995, colaboran xuntos desde que se coñeceron mentres estudaban Comunicación Audiovisual en Pontevedra. Culminaron a carreira co seu documental Cuna de músicos, que recibiu críticas moi positivas no eido musical local e foi seleccionado na 32ª edición do Festival Cineuropa, en Santiago de Compostela. O filme fai un percorrido polas últimas catro décadas da música viguesa a través de dezasete entrevistas e abundante material de arquivo. A maiores, filmaron xuntos varios videoclips e concertos de artistas vigueses.
Pablo Vázquez traballa desde 2018 na revista cultural A Movida, exercendo como redactor e fotógrafo. Durante este tempo acudiu a numerosos concertos e festivais, e realizou máis dun centenar de artigos sobre música e artistas locais. Foi Xurado Novo en festivais de cine (Novos Cinemas en 2016 e San Sebastián en 2017) e en 2020 dirixiu o seu segundo documental, “The Death: el reencuentro”, seleccionado en Cineuropa e premiado no OUFF. En 2021 codirixiu a curta documental “O profesor”, gañadora do Desafío Audiovisual Illas Cíes, e logrou un accésit no Concurso de Relatos Vigo Histórico coa obra Cidade fermosa.
Denis Carballás comezou a tocar a guitarra no ano 2010. Desde entón forma parte de diferentes bandas, entre as que se atopan The Riggos, Sniff & Crash, Beethoven Rollers ou o seu proxecto en solitario. Publicou varios discos e toca en diferentes lugares do país. Foi dúas veces finalista dos premios Xuventude Crea da Xunta de Galicia (2018 e 2019). Tamén compuxo as bandas sonoras de diferentes proxectos audiovisuais como “Cando mamá pechou as caixas” (2018) e “O profesor” (2021). Ademais, gústalle debuxar desde que ten memoria, polo que emprega esa afección neste e noutros moitos proxectos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email