O xoves 29 de xaneiro, celebrarase, ás 12 h, no MARCO de Vigo (Galería B1, 1º andar), unha rolda de prensa arredor da presentación da exposición UN PAÍS ILUSTRADO. As cubertas de Galaxia. A apertura de portas ao público celebrarase ao día seguinte, venres 30 de xaneiro, ás 20 h.
Nesta presentación intervirán Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Fundación MARCO; Xosé Manuel Soutullo, director de Editorial Galaxia; Xurxo Martínez González, comisario da exposición; e Miguel Fernández-Cid, director do MARCO.
Un proxecto expositivo que pon o foco no protagonismo e relevancia dos deseñadores que traballaron na Editorial Galaxia ao longo dos seus 75 anos de historia. O propósito é traer ao primeiro plano o labor de deseño e imaxe da editorial a través dunha mostra das cubertas de Galaxia, organizadas segundo criterios cronolóxicos e temáticos.
A mostra comeza cunha contextualización da Editorial Galaxia como proxecto, dende as motivacións dos seus fundadores en 1950, ata os novos horizontes do actual equipo, con especial atención á figura de Xaime Isla Couto, polo seu descoñecido papel no deseño de Galaxia. A partir de aquí, a montaxe organízase en catro seccións coincidentes coas etapas á fronte do deseño editorial de Xohán Ledo (1950 -1979), Francisco Mantecón (1979 -1985), Manuel Janeiro (1979 -2010) e Hayat Husein (de 2010 ata o presente). Ao fondo da sala, unha escolma de obras pictóricas, como exemplo de como a Editorial Galaxia escolleu determinados detalles de cadros para ilustrar as capas dos seus libros e coleccións.