Publícase Antese, o poemario co que Arancha Nogueira obtivo o Premio Victoriano Taibo 2021.
Esta nova obra da autora de dente de leite céntrase en dúas mulleres, nai e filla, e nun lugar: o xardín. O crecemento é o que teñen en común a poeta que escribe e as plantas. Tamén comparten unha pexa: o vencello con quen as cultiva —a nai— como ligadura. A partir de situacións cotiás, cunha poética baseada na linguaxe coloquial e nos símbolos dos medios dixitais, na música e na evocación de imaxes, Arancha Nogueira fai presente a circunstancia principal da vida: o acceso á liberdade.
O paralelismo entre a idea de natureza como xardín e a poesía como cultivo da linguaxe; a metáfora, aquí renovada, do abrollar como un rebentar emancipatorio, a arte como medio de liberación son algúns dos temas que outorgan a este poemario a levidade e a fondura dunha flor. A poeta medra entre as catástrofes diarias de igual xeito que o xardín aproveita o clima imprevisible para, en cada estación, adoptar unha forma, unha variación da súa natureza, un matiz, unha cor, un recendo diferente. No lugar había un ermo, Antese é un poemario sobre como cultivar un xardín.
Arancha Nogueira (Ourense, 1989) é autora dos poemarios Andar descalza (Premio Francisco Añón 2013), O único lugar onde ficar inmóbil (2018), #hashtags para un espazo/confinamento agónico (2019)e dente de leite (Premio Johán Carballeira 2019).