Víctor Omgbá naceu en Camerún, en 1967. Cursou estudos de Dereito na Universidade de Yaundé, capital do seu país natal. Chegou a Madrid en 1995 e aos poucos meses trasladouse á Coruña, cidade na que reside. Nestes anos, para sobrevivir, Omgbá tivo que aceptar moitos traballos diferentes, pero nunca deixou de escribir e de dedicar tempo á literatura, a súa auténtica vocación. Nos últimos catro anos publicou algúns relatos en xornais e revistas.