César Antonio Molina (A Coruña, 1952) licenciouse en Dereito e en Ciencias da Información. Doctorouse cum laude cun traballo de investigación sobre “La prensa literaria española”. Foi profesor da Universidad Complutense de Madrid e da facultade de Humanidades e Periodismo da Universidad Carlos III de Madrid. Durante varios anos coordinou os Cursos de Humanidades da Universidad de Verano de El Escorial.
Entre 1985 e 1996 traballou en Cambio 16 e Diario 16, onde foi Director Adxunto e responsable das páxinas de Cultura y Espectáculos, e dos suplementos Culturas y Libros. En 1996 incorporouse ao Círculo de Bellas Artes de Madrid como Director-Xerente. En maio de 2004 foi nomeado Director do Instituto Cervantes, labor que desempeñou ata o seu nomeamento como Ministro de Cultura en xullo de 2007, cargo no que permaneceu ata 2009. En 2010 a Fundación Germán Sánchez Ruipérez nomeouno como director do seu futuro Centro Internacional para a Investigación, o Desenvolvemento e a Innovación da Lectura
Ten publicado máis de cincuenta libros, como poeta, ensaísta e tradutor. A súa obra poética aparece recollida en numerosas antoloxías e está traducida a varios idiomas. A súa dedicación á lingua e á cultura galega foi permanente. No ano 1988 publicaba os dous tomos de seu ensaio titulado Prensa literaria en Galicia e, tamén en galego, o seu primeiro libro de poemas A fin de Fisterra, cuxa sétima edición leva un prólogo de Arcadio López Casanova. Fixo varias antoloxías bilingües sobre a poesía galega do século XX e edicións sobre autores galegos como Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Rafael Dieste e un longo etcétera. En 2007 publicou en Galaxia o poemario Eume.
Entre outros moitos recoñecementos a súa traxectoria, en 2009 recibiu por parte do estado italiano a gran cruz da Orde ao Mérito da República e en 2010 o Premio Europeo Alberico Sala. En 2010 recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia.