Narciso Luaces Pardo naceu en 1929 no lugar de Meixido, pertencente á parroquia de San Paio dos Freires, no concello de Ortigueira. De neno combinou a asistencia á escola coa axuda á familia nos traballos agrícolas, mais desde os quince anos dedicouse plenamente á que foi a súa profesión: labrego. Con menos de vinte anos pasou a desempeñar un labor activo nas Sociedades Agrarias continuando un compromiso colectivo que xa caracterizara os seus devanceiros.
De formación autodidacta, o autor de O carreiro. Memorias do tío Santos é colaborador do semanario La Voz de Ortigueira así como doutras publicacións relacionadas coa comarca ortegueiresa. Ademais de ser un dos fundadores das Edicións O Paporroibo, este home altruísta participa activamente noutras asociacións culturais. A súa disposición desinteresada foi tamén aproveitada polos centros de ensino, nos que participou en xornadas de divulgación da apicultura. Desde 1999 mantén aberto ó público o Museo Etnográfico de Meixido, que reúne centenares de pezas por el mesmo recollidas, restauradas e catalogadas.