Padrenda, Ourense, 1952. Licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid, onde vive entre 1971 e 1991, a cabalo entre a docencia e o xornalismo. Daquela exerce tamén como escritor e crítico literario en diversos xornais nacionais (Diario Informaciones, El País, El Sol, El Mundo, La Voz de Galicia, El Correo Gallego, La Vanguardia…) así como en recoñecidas revistas literarias e culturais (Ozono, Nueva Estafeta, Ínsula, Quimera, Leer, Grial, Anthropos, El Ciervo e Album de las Letras y las Artes, entre outras).
Foi, asi mesmo, Redactor Xefe da Revista Argumentos (Madrid, 1978), Director de Publicacións e membro do Consello Reitor da Universidade Antonio de Nebrija (1987), Director de “Xornal Diario” (Pontevedra, 1991), Director da Axencia de Comunicación ‘ACK. Alternativas’ (Santiago, 1995), Xefe de redacción de Informativos da Televisión galega (Santiago, 2002) e, como xestor cultural, Director Xeral de Cultura (2009) e Director Xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos (2011) da Xunta de Galicia.
Ao longo da súa traxectoria literaria ten publicado máis de vinte e cinco títulos entre edicións críticas, crónicas, biografías, contos ilustrados e recompilacións de entrevistas con destacados escritores contemporáneos como Julio Cortázar, Vargas Llosa, Benedetti, Camilo José Cela, Nélida Piñón ou Pere Gimferrer, entre outros. A este xénero pertencen outros libros de entrevistas como os títulados No xardín das mandrágoras (2006), Homes de palabra: Díaz Pardo e Neira Vilas (2020) e A palabra sorprendida (2023).
No terreo do ensaio destacan outros libros como Fin de un milenio. Antología de la poesía gallega última [con César Antonio Molina] Ediciones Libertarias, Madrid, 1991; Confieso que he leído (Hércules Ediciones, 2017); Ben-Cho-Shey inédito (Auga Editora,2019); Arredor de NÓS. 100 anos dunha xeración irrepetible (4 tomos: Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e Cuevillas. Teófilo Edicións, 2020); así como Personaxe fantasmal dunha historia de Álvaro Cunqueiro (Casa Museo Álvaro Cunqueiro, Mondoñedo, 2021).
Na literatura infantil é autor dunha ducia de libros ilustrados entre os que destaca Sar e Sarela e os monstros de Compostela. Kalandraka, 2006.
No campo da narrativa foi Premio “Máquina de Vapor”, convocado pola Universidade de Santiago de Compostela en 1995, e Accésit do Premio “Modesto Rodríguez Figueiredo” no ano 2005.