(Baio, Zas, 1863-Barcelona, 1925). Escritor, xornalista, avogado e funcionario de Facenda, en Compostela formou parte activa do movemento rexionalista liderado por Alfredo Brañas, fundou as revistas Galicia Humorística, La Pequeña Patria, Extracto de Literatura, Pasatiempos, Galicia Moderna e o xornal El País Gallego, e colaborou tanto na prensa da Península como na da emigración americana. En poesía, publicou Bálsamo de Fierabrás (1889), Millo miúdo (1896) e Adormideras (1902). Como obras teatrais, o “apropósito” El Carnaval en Pontevedra (1900) e o sainete Unha boa misa (1905). Deste mesmo ano son as narracións Cuentos humorísticos. Foi pioneiro en España na inclusión da fotografía nos medios xornalísticos e introdutor do fonógrafo en Galicia.
Académico correspondente da Real Academia Galega, faleceu traxicamente como consecuencia das feridas sufridas nun accidente ferroviario en Les Planes (Barcelona).