Heidi Kühn-Bode naceu en Eching, Bavaria (Alemaña) en 1945 e finou en A Coruña o 20 de maio de 2020. Dentro dun só corpo, Heidi fai convivir unha pintora, unha violinista, unha nadadora, unha frautista, unha poeta, unha novelista, unha dramaturga, unha xardineira, unha tradutora, unha xornalista… Ter tres fillas e varios netos é algo tan importante na vida de Heidi que non podería caber en centos de páxinas de biografía o que diso se podería escribir. Pero tamén ten outros fillos e outros netos, con corpo e voz de papel. Velaquí algúns dos seus nomes: Fideliño o carteiro (1991), Teatro para contistas (2002), Os mundiños (2003, polo que recibiu o Premio Estornela de Teatro para Nenos da Fundación Xosé Neira Vilas), ou Pomerania, meu amor (2005), entre outros. As súas obras, como ela, falan en varios idiomas: en alemán, no que empezou a rir, en galego, que adoptou como segunda pel, en inglés, que domina á perfección, en castelán, en dinamarqués… En todas esas linguas e máis (porque Heidi é experta en filoloxías) conta o mundo e o mundo, de súpeto, séntese mellor. Porque ao mundo, como ás persoas, gústalle tamén que alguén o saiba entender.