Kristina Dunker naceu en 1973 na cidade alemá de Dortmund. Empezou a escribir desde moi nova, publicou a súa primeira novela aos 19 anos e recibiu diferentes premios dedicados a autores noveis. Ademais da literatura dedicouse á carreira de Historia da arte e Ciencias escénicas, que realizou nas universidades de Bochum e Pisa. Kristina Dunker soubo aproveitar a súa proximidade ás preocupacións e afeccións da mocidade e deulle un novo pulo ao tratamento do amor adolescente dentro da literatura xuvenil do ámbito alemán-parlante. Deixando a un lado todo tipo de tabús, nas súas novelas logrou falar de asuntos que os adultos denominarían «problemáticas» dunha maneira natural e moderna, desprovista de valoracións forzadas e chea de vitalidade. Normal, diferente é o primeiro libro de Kristina Dunker que se publica nunha lingua peninsular.