Gales, 1916. Cando era un neno, o que logo sería un dos autores de literatura infantil máis recoñecido, nunca estivo a gusto no colexio. Estas vivencias recolleríaas tempo máis tarde na súa obra Boy. Xa de adulto, traballaría de vendedor, ata que no 1939 estala a Segunda Guerra Mundial e entra como oficial piloto ao servizo de Gran Bretaña.
A súa primeira novela para nenos foi The Gremlims e publicouna en 1943, tras volver á casa ferido da guerra. Ese foi só o comezo dunha carreira que se consolidaría con obras como Charlie e a fábrica de chocolate, Danny, campión do mundo e, moi especialmente, Matilda, libro que bateu todos os récords editoriais no Reino Unido e que no 1999 foi recoñecido como a obra infantil máis popular.
A pesar de ser esta a parte da súa produción con maior proxección, Dahl tamén escribiu libros para adultos, como Relatos do inesperado, Meu tío Óscar ou O gran cambiazo. Incluíndo ao celebrado autor galés en Negras sombras. Antoloxía do relato policial, editorial Galaxia quere dar a coñecer a que ata agora era a faceta máis descoñecida do autor galés.