Naceu en Roma entre os anos 470 e 480, no seo dunha antiga familia (os Anicios) da que proviñan dous emperadores e un Papa. Estudou en Atenas e foi filósofo, teólogo e home de Estado, ocupando o cargo de cónsul e, logo, de ministro principal xunto ao rei ostrogodo Teodorico I, por aquel entón tamén señor de Roma. Pero a súa sorte mudou cando o acusaron infundadamente de conspirar contra o rei. Boecio foi encarcerado, os seus bens foron confiscados e, logo dun ano, foi decapitado (524).