Xerardo AgraFoxo (Noia, 1952) é profesor e doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e leva escritos máis de vinte libros de investigación histórica, entre eles os tres volumes de A Guerra Civil en Lousame e Noia, amais do libro Memorias do franquismo (A época do wolfram en Lousame. A corporación de Noia en Meirás) (2002). No ano 2006, seguindo coa súa tarefa de historiar a vida do seu concello, publicou os volumes Crónicas dunha democracia (A transición política en Noia. Os dous mandatos de Díaz Fornas) e A revolta nacionalista (A Noia de Pastor Alonso. O goberno de Bieito González). Dous libros que tiveron continuación cando saíu, en 2008, o derradeiro volume desta triloxía: Noia no cambio de século. No ano 2007 publicou Biografía de María Mariño e María Mariño: retrato dunha vida. Como narrador, no ano 2003 deu ao prelo o libro de relatos O triángulo de Óscar Wilde, un periplo narrativo por varios personaxes e autores da literatura e a arte universal escrito desde a convicción de que a ficción pode axudar a clarexar os matices da historia real. No ano 2004, obtivo o Premio García Barros coa novela Unha viaxe no Ford T e posteriormente vería a luz O violinista de Malá Strana (2008), tamén do xénero novelesco.