Ángeles e Isabel Abelleira Bardanca son dúas irmás mestras de infantil que desde 2010 amosan o seu traballo na escola pública galega no blog InnovArte Educación Infantil, co ánimo de que se coñeza parte do que nela se fai e que, malia o seu valor, sempre queda oculto entre os muros dos centros. As experiencias de aula, reflexións educativas, recomendacións de lectura e outras moitas informacións deron lugar a que, a día de hoxe, se atopen máis de 1.200 post, lidos por milleiros de seguidores de toda Iberoamérica.
Recibiron o premio Mestre Mateo (2011) polas súas colaboracións educativas no ámbito audiovisual; o Francisco Giner de los Ríos á mellora da calidade educativa (2012), e varios a nivel autonómico (2001-2003). Representaron a España na I Rede Iberoamericana de Innovación Educativa en Educación Infantil polo ciclo 3-6 (2014). En 2016 foron galardoadas co Marta Mata de Pedagoxía polo libro Os fíos de infantil, publicado en catalán, castelán, galego e portugués brasileiro.