O luns 15 de xuño celebrarase, na sede da Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo, a xornada conmemorativa do V centenario do nacemento de Luís de Camões.
A programación comezará ás 12:30 h coa inauguración da exposición De aquí o xermolo saíu. Presenzas galegas de Camões no V centenario do seu nacemento. No acto participarán Manuel Puga Pereira, presidente da Fundación Penzol; Dolores Vilavedra, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega; João Bezerra da Silva, cónsul xeral de Portugal en Vigo; Joaquim Coelho Ramos, comisario xeral adxunto para as Conmemoracións do V Centenario do Nacemento de Luís de Camões; e Xosé Manuel Dasilva, subdirector da Fundación Penzol e comisario da exposición.
Xa pola tarde, a partir das 16:30 h, presentarase o libro Camões en Galicia (Galaxia, 2026), de Xosé Manuel Dasilva, catedrático da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. A continuación celebraranse as conferencias O galego en Portugal no século de Camões, a cargo de Henrique Monteagudo, catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela; Um dia Camões nasceu e nunca mais morreu: mecanismos de preservação da memória literária no século XXI, impartida por Micaela Ramon, profesora do Departamento de Estudos Portugueses e Lusófonos da Universidade do Minho; e Inquietação e conhecimento na poesia de Camões ("Matéria perigosa?"), de José Carlos Seabra Pereira, profesor da Facultade de Letras da Universidade de Coimbra.
Ás 18:30 h terá lugar un recital poético-musical coordinado por Marilar Aleixandre, directora da Sección de Literatura da Real Academia Galega, no que participarán Henrique Monteagudo, Chus Pato, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, Claudia Morán, Rexina Vega e Fina Casalderrey. O peche musical correrá a cargo de César Morán, que interpretará Verdes são os campos, poema de Camões musicado por José Afonso.
A xornada concluirá ás 20:00 h cunha ofrenda floral diante do busto de Camões, na Praza de Portugal de Vigo.