Estás aquí:

Código: 1294

Grial 191

12,00  IVE INCLUIDO
Á busca do tesouro
40 anos do Instituto da Lingua Galega
Con colaboracións de Ernesto González Seoane, Serafín Alonso Pintos, Xavier Gómez Guinovart, Marcos Bagno e María Dolores Villanueva, a nosa revista súmase ás comemoracións que se veñen celebrando nestas datas co gallo do 40 aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega na Universidade de Santiago de Compostela (1971). A creación do ILGA considérase unha das iniciativas capitais na recuperación do galego moderno e na maduración dos estudos de filoloxía galega, así como cara á súa proxección internacional. Nos obradoitos do Instituto, iniciado da man do catedrático Constantino García, formouse a nova xeración de investigadores e profesores do idioma que nas últimas décadas veñen participando na dinamización do mesmo. Unha das contribucións importantes, realizada xunto coa Real Academia Galega, foi a elaboración dunha Normativa Ortográfica e Morfosintáctica que respondese ás necesidades e demandas da realidade social que se configura sobre todo a partir de 1978-1980 (Estatuto de Autonomía de Galicia). A elaboración do Atlas Lingüístico do Galego e a construción dun voluminoso corpus léxico en constante proceso de enrequecemento son outros dos seus logros máis celebrados.

O número de GRIAL complétase cunha entrevista que a nosa redacción realizou a Rosario Álvarez Blanco, actual directora do ILGA: "O noso papel é de estudo e investigación", advirte a profesora. "Pero hai cuestións pendentes que afectan moi seriamente ao galego, no presente e sobre todo no seu futuro, e que son de carácter político. Aí o ILGA non pode entrar. Pero estamos dispostos a botar unha man no que sexa preciso, sempre que se nos solicite e exista vontade política de actuar".

En 1982 o ILGA foi distinguido co Premio Ossian, instituido pola Fundación FVS de Hamburgo para salientar persoas ou institucións recoñecidas polo seu contributo a prol da salvagarda, estudo e e promoción das linguas minorizadas de Europa. Reproducimos a intervención do ilustre occitanista Pèire Bèc e mais de Antón Santamarina, entón director do ILGA, naquel acontecemento.

A maiores, continuando liñas de reflexión xa habituais na revista, relacionadas co ámbito europeo, co patrimonio lingüístico e as novas formas de expresión cultural, reproducimos un excelente traballo de Ferrán Requejo, catedrático de ciencia política da Universidade Pompeu Fabra, sobre "Europa e as minorías culturais", así como referencias á actividade en América: Xeito Novo en Buenos Aires, vangardas de Galicia e o Plata, Martín Codax no Brasil, Carta de Minas Gerais, o patrimonio arroutado do rock bravú, a literatura galega traducida ao inglés (unha realidade emerxente, segundo as autoras do traballo)...

Como peche, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega e membro do Consello de Redacción da nosa revista, fai unha glosa documentada dunha das personalidades máis brillantes da cultura galega universitaria: o profesor Serafín Moralejo, que nos deixou o pasado mes de agosto.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 152
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm. mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Novas relacionadas con este libro

Eventos relacionados con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 175
Grial 175
12.00€ CON IVE