Presentación do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio

Categoría: Nova

Presentación do Premio Ramón Piñeiro 2016, Mariña: de deusa a santa de Rafael Quintía. Será en Pontevedra, na Casa das Campás este xoves 15 de xuño ás 20,00 horas.

Intervirán no acto, ademais do autor, o Secretario Xeral de Política Ligüísitica, Valentín Gracía, a responsable de Relacións Institucionais de Gas Natural Fenosa en Galicia, Amalia Baltar, o escritor Rodrigo Cota, e o Director Xeral de Galaxia, Francisco Castro.

O libro é unha análise e estudo da apropiación dos mitos célticos e da relixiosidade galaica realizada polo cristianismo. Neste caso, exemplificada a través das múltiples advocacións a Santa Mariña presentes en Galicia. Mariña: de deusa a santa está escrito nunha prosa áxil e fluída que facilita un percorrido ameno polas transofrmacións históricas do culto pagá e do cristián. Estas transformacións converteron os lugares de culto coma montes, fontes, árbores e lagoas sagradas en lugares cristianizados. O traballo de investigación realizado polo autor insírese dese xeito nunha tradición de grande importancia para a cultura galega, tradición que chanta as súas raíces no labor do Seminario de Estudos Galegos. Velaquí un ensaio ben documentado e cunha exposición analítica dun caso senlleiro que constitúa unha especificidade de enorme significado para a antropoloxía cultural de Galicia.
Rafael Quintiá (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Económicas e Empresariais. Escritor, documentalista e músico tradicional, traballa como antropólogo profesional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e está vencellado ao asociacionismo e á dinámización sociocultural. En 2015, obtivo o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais co seu traballo Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. Tamén foi gañador do Premio de Investigación Luís Cuadrado en 2010 co seu traballo A Nosa Señora da Lanzada. Estudio antropológico de un santuario marítimo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email