Porque é tan difícil que os homes cambien?

Categoría: Nova

Porque é tan difícil que os homes cambien? Masculinidades disidentes.
O día 26 de maio, ás 18:00 h, celebrarase, na canle de Youtube do Ateneo Atlántico, un debate con Jorge García Marín, autor de Papá, por que non pintas as unllas de cores?, presentado por Luisa Abad.
A conexión pode ser a través da Canle de Youtube (ligazón), ou dende o blog do Ateneo (www.ateneoatlantico.gal).
Parece evidente que nos últimos anos as mulleres agrupadas conquistaron unha serie de dereitos que fan que a sociedade sexa máis igualitaria, pero que pasa cos homes? Cantas maneiras diferentes hai de ser home? Que gañan coa igualdade? Como se desaprenden as masculinidades tóxicas e camiñamos cara outros modelos que axuden a contstruír unha sociedade mellor?
Non se nace home ou muller. Apréndese a ser home ou muller. No caso concreto dos homes, aprendemos a ser, ademais, machos, a desenvolver unha serie de roles e de comportamentos que, a estas alturas do século XXI, convén revisar en detalle. Neste libro, Jorge Marín reflexiona sobre a necesidade de deconstruír esa educación que nos fai homes dende unha nova perspectiva, feminista e integradora. É un libro sobre as Novas Masculinidades que temos que empezar, entre todas e todos, a construír para conseguir un mundo máis igual e, sobre todo, homes e mulleres máis felices. Dende a educación formal, os videoxogos, a literatura, os medios de comunicación. Dende mil ámbitos se nos constrúe como homes tradicionais dunha sociedade que debe deixar de ser tradicional. O século actual e os que han vir precisan un novo tipo de masculinidade. Pensar sobre el é xa un xeito de avanzar.
Jorge García Marín é profesor do departamento de Socioloxía da USC. Imparte docencia no máster “Igualdade, xénero e educación” e na actualidade é secretario do CIFEX (Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero). Dende hai casi trinta anos está vinculado a grupos de investigación en temáticas de xénero, sendo as súas liñas prioritarias, dentro dos estudos de xénero, os videoxogos, as identidades virtuais, os relatos fílmicos e as problemáticas asociadas ás masculinidades. Destacamos nesta liña o proxecto I+D “Impacto dos actos comunicativos na construción de novas masculinidades” e o proxecto autonómico “Análise dos roles de xénero nos videoxogos máis demandados polos adolescentes galegos”.
 

Comparte nas túas redes sociais ou por email