O 8M, unha loita diaria

Categoría: Nova

Dende a Editorial Galaxia amosámonos como firmes defensoras da loita feminista en prol da igualdade entre homes e mulleres. O 8M é só un recordatorio do que se debe defender cada día: a liberdade, a igualdade de oportunidades, a diversidade, a dignidade, a valentía, a abolición da opresión ou do machismo que se mestura en toda a sociedade, dunha maneira ou doutra…
Avanzamos pero sabemos que, desafortunadamente, aínda queda moito por facer, polo que seguiremos loitando.
A colección Feminismos que, dende Galaxia, botamos a andar no ano 2018, é unha mostra do noso compromiso coa causa.
Para conmemorar o 8M, presentamos o venres 6 de marzo, ás 20:00 h, Cómplices. A violencia machista institucional, coordinado por Iria Vázquez Silva, na libraría Lila de Lilith de Santiago de Compostela. Asistirán as autoras Iria Vázquez Silva, Lola Ferreiro Díaz e Olalla Villaronga Seoane.
Trátase dunha publicación máis que imprescindíbel.

Este traballo vén botar luz sobre un dos aspectos da(s) violencia(s) machista(s) menos estudado e tamén menos visíbel: a violencia que exerce o Estado a través das súas institucións sobre as mulleres que están en situación de violencia machista. Poucas publicacións coñecemos que aborden este tema de xeito directo. A autora explora varios eidos institucionais, cos que tivo ontacto directo, e convida a outras autoras. Sheila Fernández Míguez (desde o eido xurídico), Olalla Villaronga Seoane (que achega unha perspectiva desde o eido rural), Lola Ferreiro Díaz (desde o ámbito sanitario) e Ana Martínez González e Fedra Alcaraz Ladrero (ambas as dúas traballadoras dunha asociación de parálise cerebral) a completar o panorama dunhas institucións que deberían acoller e defender as mulleres violentadas polo machismo. A través deste libro podemos aproximarnos ao labirinto polo que pasan as mulleres en situación de violencia, analizando as forzas de seguridade, o eido xudicial, os servizos sociais ou o eido sanitario.

Comparte nas túas redes sociais ou por email