Palabras de despedida de Víctor F. Freixanes como codirector da revista Grial

Categoría: Nova

Carta aos lectores, colaboradores, subscriptores, amigos e amigas da revista GRIAL
Febreiro 2020
Queridos/as todos
No ano 2002, logo do pasamento de Carlos Casares, o Consello de Administración de Editorial Galaxia confioume a dirección xeral da editora e, coa mesma, a dirección dun dos seus proxectos máis queridos: a revista GRIAL. Dende entón, durante 17 anos, asumín esta encomenda con dedicación e entusiasmo. Puxen nela o meu saber e os meus coñecementos como editor, como escritor e como xornalista, consciente da significación dunha publicación que, nas súas diferentes etapas, representa un dos proxectos máis ambiciosos e esixentes da cultura galega das últimas décadas.
Cando Editorial Galaxia cumpre 70 anos, despois de case 70 títulos compartindo a dirección con Henrique Monteagudo, deixo esta responsabilidade nas mans do meu compañeiro codirector. Aproveito estas letras para agradecer todos os apoios, colaboracións, xenerosidade e achegas críticas que recibín, ao tempo que pido disculpas polos erros involuntarios que sempre se cometen. Aínda que sigo vencellado a esta casa, Galaxia e Grial teñen novos pilotos cos que me sinto plenamente identificado e para os que pido o mesmo apoio que me destes.
Con todo o meu afecto,
Victor F.Freixanes

Comparte nas túas redes sociais ou por email