Julius Pokorny (Praga, 12 de xuño de 1887-Zúric, 8 de abril de 1970) foi un estudoso das linguas celtas, especialmente o irlandés, e un defensor do nacionalismo irlandés. Ocupou cargos académicos en universidades austriacas e alemás.
Naceu en Praga, entón parte do Imperio austrohúngaro, e estudou na Universidade de Viena, onde tamén ensinou desde 1913 ata 1920. De 1920 a 1935, ocupou a cátedra de filoloxía celta na Universidade Friedrich Wilhelm de Berlín, antes de que os nazis descubrisen que, a pesar de ser nacionalista alemán, era de ascendencia xudía.1 Foi editor da importante revista Zeitschrift für Celtische Philologie antes de a segunda guerra mundial (1921-1938) e foi responsable da súa reactivación despois (1954-1967). Escapou á Suíza en 1943, onde ensinou durante uns anos na Universidade de Berna e na Universidade de Zúric ata a súa xubilación en 1959. En 1954, recibiu o título honorario de cátedra na Universidade Ludwig Maximilian de Múnic, onde foi profesor de tempo parcial en 1956 e novamente desde 1960 ata 1965. Morreu en Zúric en 1970 case tres semanas despois de ser atropelado por un tranvía, non moi lonxe da súa casa.