Reunido nas dependencias municipais da Pobra do Caramiñal esta mesma mañá, un xurado composto pola escritora Patricia Mallo, a vocal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro, decidiu por unanimidade declarar gañadora do II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro a obra O enigma do baúl pechado de Xosé A. Neira Cruz.
O xurado destaca a fermosura da linguaxe poética empregada polo autor, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural. Ao tempo, o libro destaca por abordar a trama dende unha proposta que se achega ao realismo marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días. Finalmente, salienta a habilidade narrativa para ter pendente ao lector ou á lectora durante todo o libro ao redor dun baúl e o enigma que agocha. O xurado coida que é un libro que pode servir, tamén, para sensibilizar ás lectoras e lectores sobre a importancia da defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.
O II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, convocado polo Conello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e a A. C. Barbantia, ten como finalidade honrar a figura de Carlos Mosteiro, escritor fundamental da LIX galega e fortemente vencellado á comarca do Barbanza, que finaba o pasado xullo de 2017; ao tempo que se aposta pola creación en galego para o lectorado máis novo. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para o gañador.
Xosé A. Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) é xornalista, escritor e profesor na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciado en Xornalistmo e Filoloxía Italiana, é doutor en Ciencias da Comunicación e en Filoloxía Italiana. Autor de máis de 30 obras de creación literaria, recibiu, entre outros, o Premio Merlín (1988, 2000), o Barco de Vapor (1997, 1999), o Raíña Lupa (2002), o Premio Lazarillo (2004), o Fiz Verga Vilariño de Poesía (2007), o White Ravens (2005, 2009), o Premio ao mellor libro estranxeiro publicado no Brasil en 2008, e os premios Barriga Verde e Manuel María de teatro (2008, 2009, 2010). Os seus títulos máis recentes son O sono das sereas (2017, Premio Repsol) e As vidas de… Antonio Fraguas (2019).