Xosé Monteagudo gaña o Premio San Clemente

Categoría: Nova

A última novela de Xosé MonteagudoTodo canto fomos, que xa fora recoñecida como a mellor novela de 2016 na Gala do Libro Galego, foi merecedora hoxe do Premio San Clemente na súa categoría en galego. Nesta XXIII edición do Premio San Clemente, que convocan o IES Plurilingüe Rosalía de Castro e Abanca co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron tamén premiadas as novelas Patria de Fernando Aramburu, na categoría en español, e Morrer en primavera de Ralf Rothman, entre as candidatas en lingua estranxeira.
O premio San Clemente busca converter o alumnado de bacharelato en protagonista á hora de conceder un galardón literario, polo que o seu xurado está composto por estudantes. Nesta XXIII edición, ademais do estudantado do IES Plurilingüe Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), participou no xurado o do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES Agra do Orzán (A Coruña), IES Valle-Inclán (Pontevedra), IES San Mamede (Maceda) e IES Xelmírez I (Santiago de Compostela).
Todo canto fomos é unha novela coral, que a través de diversos personaxes (unha mestra que loita contra a desigualdade, un escritor de novelas policiais, un emigrante galego na arxentina e un historiador) percorre máis de un século de historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue alentando no presente. Un relato que hoxe foi premiado pola súa valentía unha vez máis, que non deixa de sumar lectores dende a súa publicación hai un ano, e que vai camiño de converterse nunha das novelas mellores valoradas por crítica e lectores dos últimos tempos.

Comparte nas túas redes sociais ou por email