Xan López Domínguez candidato ao Andersen

Categoría: Nova

Onte, o IBBY (International Board on Books for Young People), o organismo internacional centrado no estudo da literatura infantil e que premia cada dous anos a traxectoria dun profesional do sector cos galardóns Hans Christian Andersen, decidiu nomear oficialmente candidato na categoría de Ilustración ao galego Xan López Domínguez, de quen no catálogo de Galaxia podemos atopar "Voces na lagoa do espantallo".

Xan López Domínguez é un ilustrador de longa traxectoria, debuntando no ano 1983, cando ilustrara "Cantan os nenos (O libro de María)". Nacido en Lugo en decembro de 1957, é o primeiro -e polo momento único- ilustrador galego que ten sido incluído no catálogo de ilustradores da Feira Internacional do Libro Infantil de Bolonia (ano 1990). Con Francisco Jaraba e Miguelanxo Prado fundou en 1979 o grupo "Xofre", que chegou a editar os seus propios libros de banda deseñada.

Canda a nominación de Xan López Domínguez, o IBBY informou do nome do narrador nomeado, Jordi Sierra i Fabra, autor, entre outras obras, de "Nun lugar chamado guerra", "Durmido sobre os espellos" e "Soidades de Ana".

Comparte nas túas redes sociais ou por email