Unha faciana pouco coñecida de Vicente Risco (debuxante)

Categoría: Nova

Carlos Lema é o responsable da edición. Carlos L. Bernárdez e David Cortón aportan documentados ensaios que enmarcan e contextualizan a obra. Inclúese, asemade, un traballo do propio Vicente Risco, datado en 1917-1918 e publicado por entregas na revista La Centuria, onde o autor reflexiona sobre o que el denomina "a estética futura".

Por primeira vez recóllese nun volume a Obra Gráfica, debuxos e deseños, de quen foi unha das personalidades máis sobranceiras da Xeración Nós, director da revista de tal nome entre 1920-1936, e un dos dinamizadores máis activos do cultura galega durante ese período.

Carlos Lema, contando coa colaboración da Fundación Vicente Risco, escolmou e ordenou case 250 deseños, uns en branco e negro, outros a cor, que o autor de O porco de pé foi realizando ao longo de distintas etapas da súa vida e con diversa curiosidade: dende as viaxes por Europa ás viaxes etnográficas ou arqueolóxicas por Galicia, dende tipos humanos e retratos a estampas de humor ou de costumes, pasando por recreacións medievais, arquitectura popular, inscricións paleográficas, planos, esquemas, paisaxes, apuntamentos, reproducións de cadros ou formas da avangarda contemporánea, motivos orientais, etc. A curiosidade de Vicente Risco, que se espella nestas ilustracións, é amplísima.

O libro ordénase en nove capítulos temáticos: A atracción do Oriente, O mundo medieval, Occidente e a vangarda, Unha viaxe por Mitteleuropa, O mundo de nós, Tipos e retratos, Maxia e Relixión, e A escritura como símbolo.

Escribía Vicente Risco en La Centuria (1917-18), en castelán: "El mundo es sólo apariencia; tal es la primera verdad estética. Como una araña que se enredase en su propia tela, el espíritu es el prisionero de su representación, la víctima de su sueño" (Vicente Risco. Obra Gráfica, páx. 159).

Comparte nas túas redes sociais ou por email