Propoñen a Fina Casalderrey ao Premio Hans Christian Andersen

Categoría: Nova

A escritora Fina Casalderrey é, dende hai anos, unha das grandes referencias da literatura infantil nacional. Pola súa traxectoria, foi proposta para gañar o Premio Hans Christian Andersen, o máis alto recoñecemento internacional que se concede a unha autora viva, tamén coñecido como o “Nobel da Literatura Infantil”, que concede IBBY dende o ano 1956, co patrocinio da raíña Margarita II de Dinamarca.

A decisión estivo acordada pola Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil, co apoio do Ministerio de Cultura y Deporte e da Xunta de Galicia.

A selección de candidatas e candidatos realízana as distintas seccións nacionais e o fallo do xurado farase público na Feira do Libro Infantil de Bolonia en 2024. A entrega dos premios realizaranse no marco do 39 Congreso Internacional do IBBY, que se celebrará en Trieste (Italia) do 30 de agosto ao 1 de setembro de  2024.

O xurado internacional está integrado pola presidenta, Anastasia Arkhipova (Rusia), e integrado por Evelyn Arizpe (México/UK), Brenda Dales (USA), Sabine Fuchs (Austria), Diana Laura Kovach (Arxentina), Shereeh Kreidieh (Líbano), Bettina Kümmerling-Meibauer (Alemaña), Jaana Pesonen (Finlandia), Tan Fengxia (China), Pavle Učakar (Eslovenia) e Morgane Vasta (Francia), xunto coa directora executiva do IBBY, Carolina Ballester, como membro do xurado ex officio.

Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1952) é unha das escritoras máis recoñecidas, traducidas e premiadas no ámbito da literatura infantil e xuvenil galega. Deuse a coñecer con Mutacións xenéticas(1991), novela á que seguirían, entre outros títulos, Dúas bágoas por máquina(1992, premio Merlín), Chamizo(1994), ¡Asústate, Merche!(1995), O misterio dos fillos de Lúa(1995, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil), O estanque dos parrulos pobres(1996, premio Edebé), ¡Prohibido casar, papá! (1996, incluído na Lista White Ravens 1998), ¿Sobrevives?(1996), ¡Puag, que noxo!(1997), O misterio do cemiterio vello (1999), Bicos de prata(2000), A máscara de palma(2000), O neno can, escrito conxuntamente con Francisco Castro (2014, Lista do centro Ibby de Documentación para nenos con dificultades especiaisi; Premio Frei Martín Sarmiento 2014; Lista de Honor da revista CLIJ 2014).

En 2020, publicou Lingua guapa.Cantos que contan, musicado por Néstor Blanco, ilustrado por Lucía Cobo.

A narrativa de Casalderrey distínguese pola súa agudeza na observación e recreación do mundo dos adolescentes, polo realismo dos seus personaxes e situacións e por un ritmo capaz de converter calquera asunto cotián nun relato de suspense.

Traducida a máis dunha ducia de idiomas, ten desenvolvido tamén un destacado labor no eido do fomento da lectura e a renovación pedagóxica do Ensino, amais de promover o teatro escolar e a investigación etnográfica no ámbito educativo.

Nominada ao Premio Astrid Lindgren e incluída nas prestixiosas listas White Ravens e Outstanding Books, recibiu tamén a Medalla Castelao (2003).

En 2013 foi nomeada académica de número da RAG e recoñecida pola Asociación Galega de Editores como Autora do Ano 2012, así como por Gálix como Socia de Honra; distincións que espellan a excelencia do conxunto da súa obra.

En 2015 recibiu o Premio da Cultura Galega na modalidade de Letras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email