Xente de aquí e de acolá é un conxunto de retratos que compoñen unha visión das nosas xentes e dun tempo. O retrato foi un dos xéneros que Cunqueiro cultivou con máis acerto.
Un dos xéneros literarios que Álvaro Cunqueiro cultivou con gran mestría e acerto foi o retrato. Personaxes con vida propia coma o picapreitos Somoza de leiva, que tiña un can que só lle ladraba á parte contraria, ou Leiras de Parada, que adormecía os capóns léndolles artigos de prensa.
Xente nosa, verdadeira, recreada con maxistral dominio da arte literaria.

Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981) dedicouse desde moi novo á literatura e ao xornalismo. Coa súa mestría estilística, o seu libérrimo uso das convencións literarias e a súa capacidade de integración de diferentes tradicións culturais, Cunqueiro anovou fondamente a literatura galega. Da súa obra escrita en galego destacan títulos coma Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Escola de menciñeiros, Don Hamlet e Herba aquí e acolá.