Xerardo Quintiá (Friol, 1970) publicou os seus primeiros textos literarios na sección cultural “Táboa Redonda” de El Progreso (1988) e colaborou despois en revistas como Dorna ou Xistral. O seu primeiro libro, Finísimo po nas ás é de 1997. Dous anos despois, ve a luz Unha soa man e outros intres e, nos 2001 e 2002, Un rabaño de ovellas brancas e O libro dos aparecidos. No eido da literatura infantil, é autor de A verdadeira historia do burro Feldespato (2002) e de Ke-Tumba Ke-Tamba, finalista do Premio Raíña Lupa. Para primeiros lectores escribiu Titiritesa (2007). Como poeta, publicou Ailalalalelo de auga (2001); Poesía en ruta (Premio Fermín Bouza Brey 2007) e FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación (Premio Fiz Vergara Vilariño 2011).