Un home que xaceu aquí pode ser moitas cousas e á vez ningunha: unha satírica traxicomedia, unha intriga policial, un axuste de contas cun pasado falsificado, o diario atrapallado dun pretendido sedutor.
O seu incorrecto protagonista, X. M. Bernal, catedrático universitario, dispara as súas balas de ironía a torto e dereito nuns diálogos brillantes mentres fuma, moito, bebe, máis aínda, e procura polo mecanoscrito roubado dunha famosa novela escrita polo que foi o seu sogro. E así, entre interesadas mentiras, replicas afiadas, medias verdades e delatores silencios, o pasado remata por reconstruír e marcar de xeito indeleble un presente desencantado onde a verdade semella un soño inalcanzable. Trinta anos despois reeditamos esta primeira novela de Aníbal C. Malvar, un clásico xa das nosas letras, coa que o seu autor principiou unha brillante carreira literaria
(A Coruña, 1964) foi un trobador medieval galego-portugués nacido a destempo. Despois de Soño do violinista (1989), unha colaxe de prosas e poemas ilustrados polo seu amigo Pampillón, dedicou catro novelas de xénero negro á Galicia tapada que estaba a descubrir no seu traballo como xornalista: Un home que xaceu aquí (1993), A man dereita (1994), Unha noite con Carla (1995) e Á de mosca (1998). Tamén foi autor de varios guións para banda deseñada e produtor dalgunhas películas pequenas. En castelán publicou La balada de los miserables (2012) e Lucero (2019, biografía de Federico García Lorca e os seus asasinos).
Como reporteiro, especializouse en investigacións sobre ETA e o seu contorno, narcotráfico galego e inmigración. Tamén practica o escarnio e maldicir como columnista político en varios medios.