ESGOTADO
A emigración. A procura da fortuna. A guerra
Esta novela narra a viaxe dun adolescente italiano que sae desde Xénova rumbo a Bos Aires na procura de fortuna, a comenzos do século XX, entre as dúas grandes guerras. A fame e a dor, a despedida da súa nai, o camiño cara ao porto cuns amigos que tamén marchan, a viaxe no barco, un naufraxio, a chegada ao porto de Bos Aires, a súa viaxe en tren cara á Pampa, a súa incorporación a un circo…, son algúns dos fitos desa viaxe onde o adolescente se inicia sexualmente, descobre o amor, atopa un traballo e tenta construír a súa identidade na nova terra.
Unha novela conmovedora e esperanzada sobre o camiño que debe emprender un neno para se converter en home. Stefano está considerado un clásico, cita de referencia obrigada na literatura xuvenil, que enlaza os acontecemento vitais emocionais da adolescencia coa dura experiencia da emigración, como lle aconteceu a tantos galegos e galegas que tiveron que cruzar o mar cara a unha terra chea de incertezas, onde tiveron que poñer a proba o mellor e o peor que habita no ser humano.
A calidade desta obra foi recoñecida con premios e distincións, entre as que destacan, entre outros, o Premio White Ravens 1998 do Internationale Jugendbibliothek. Múnic, Alemaña.
María Teresa Andruetto (Arroyo Cabral, Arxentina, 1954) posúe unha das carreiras literarias máis sólidas do seu país que abranque todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio). A súa obra foi recoñecida con numerosos galardóns, como o Premio Novela do Fondo Nacional de las Artes, o Premio Internacional de Conto Tierra Ignota, unha mención na Lista de Honra de IBBY e varias mencións na lista de White Ravens da Internationale Jugendbibliothek de Múnic, na lista «Los mejores» do Banco del Libro de Venezuela e na lista «Destacados» da Asociación de Literatura Infantil y Juvenil Argentina (ALIJA), sección arxentina do IBBY. En 2012 recibiu o Premio Hans Christian Andersen, considerado o Nóbel infantil e xuvenil.