O tema da emigración, tantas veces tratado por Neira Vilas, coa comunidade galega de Buenos Aires como protagonista dun dos grandes dramas da historia de Galicia no século XX.
Neira Vilas céntrase neste libro de novo na emigración americana, que tan ben coñece pola súa experiencia persoal. Nesta novela a emigración aparece contemplada no seu conxunto, tratada desde unha perspectiva global.
Neira Vilas (Vila de Cruces, 1928-2015) é sen dúbida un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que el viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A mestría do Neira Vilas narrador amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.
Ao longo da súa vida Neira Vilas recibiu numerosos galardóns, como por exemplo a Medalla Castelao en 1988. Nos Premios da Edición que concede a AGE recibiu o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor do ano 2010. En 2014, recibiu, na modalidade de Letras, o Premio da Cultura Galega que concede a Xunta de Galicia e en 2015, a Medalla de Ouro de Galicia.