LIMIAR GONZALO NAVAZA
Avieiro, hidrotopónimo nacido da farturenta creatividade de Emilia Pardo Bazán, fundindo de Avia e Arenteiro, sérvelle ao autor para imaxinar o seu propio e difuso territorio, co Carballiño no centro, para percorrelo da man da que denomina “triloxía pardobazaniana do Avieiro” (El cisne de Vilamorta, Los pazos de Ulloa e La madre naturaleza) e ofrecernos unha manchea de memorias persoais, familiares, colectivas, xeracionais, retratos de persoas das que se sente debedor, pescudas historiográficas diversas, algún que outro segredo de familia e, ao tempo, guiarnos na localización física, familiar e emocional das tres obras de dona Emilia.

(O Carrio, Val, Lalín, 1954), dezán de nacenza, criado no Carballiño e asentado no Val de Miñor, licenciouse en Filosofía e Ciencias da Educación e exerceu a docencia de Xeografía e Historia en Vigo, A Caniza e nas Escolas Proval de Nigrán. Dende novo participou no activismo estudantil, político e cultural do galeguismo nacionalista, en que segue involucrado. En 1999 fundou o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), que dirixiu ata 2015. Publicou sobre asuntos internacionais e cuestións de historia contemporánea e do nacionalismo, desenvolve actividades memorialistas e realiza investigacións sobre a persecución franquista no sur da provincia de Pontevedra, algunhas recollidas en Catas na memoria. A persecución franquista no Val de Miñor (2021) e O terror nas Tebras e outras catas na memoria (2022).