Un libro para soñar que nunca creceremos.
Este clásico da literatura xuvenil naceu en forma de conto no ano 1906, cando Barrie publicou, con fermosas ilustracións de Arthur Rackham, Peter Pan nos xardíns de Kensington. Posteriormente, en 1911 aparecería o libro que ía ser universalmente coñecido e que agora se publica en galego por primeira vez. Trata, como se sabe, das aventuras de Peter Pan, Wendy e os seus amigos, que un día foxen da casa e marchan a Nunca Xamais. Alí viven aventuras, travesuras e traxedias, con indios e piratas, o máis terrible dos cales é Garfo, que co gancho da súa man levanta a un dos nenos para usalo como escudo. Ao final é vencido por Peter Pan e os amigos volven á casa.
J. M. Barrie naceu en Kirremuir, Escocia, no ano 1860. Era o fillo máis pequeno dunha familia de dez irmáns. A morte do segundo deles, David, que faleceu aos catorce anos mentres patinaba sobre xeo, marcou a súa vida. Dende entón, quixo ser sempre David, pois este era o fillo predilecto da súa nai. Son moitos os críticos que pensan que este desgraciado episodio acabou sendo o motor que empuxou a súa literatura. J. M. Barrie foi reitor da Universidade de St. Andrews e chanceler da de Edimburgo. Cando morreu en 1937, deixou os dereitos de Peter Pan para un hospital infantil de Londres.