Hai poucos títulos máis claros para contar o que hai dentro dun libro. Nunca mascotas.
Animais, nunca mascotas. Seres de seu, nunca mascotas. Vida, non cousas. Animais que son máis persoas que as persoas, que poden ser moi animais. E unha ollada, a da poeta Paula Carballeira, que quere contar, dende a beleza, dende a reflexión, á mocidade, que pensa ela sobre esta vida animal da que temén formamos parte. Un libro do que estamos moi orgullosos na Editorial Galaxia. Poesía para a xente máis moza. Que ten a ollada aínda limpa que, dende logo que si, teñen moitos seres da natureza. Ás veces máis ca nós.
Paula Carballeira (Maniños, Fene, 1972) é licenciada en Filoloxía e cun curso de Especialización en Arte Dramática, narradora oral profesional desde 1994, actriz, directora e escritora. Candidata dous anos consecutivos ao Astrid Lindgren Memorial Award, ten unha ampla produción literaria en narrativa e teatro, aínda que tamén escribe poesía e ensaio. Moitos dos seus libros foron premiados e traducidos a diferentes idiomas.
Como actriz, é membro da compañía teatral Berrobambán desde 1996 e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como dramaturga recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023 por As alumnas, publicado en Editorial Galaxia, onde tamén publicou Daniel no peirao (2023), un texto de teatro infantil arredor dun episodio da infancia de Castelao, ademais de Nunca mascotas (2016), O lobishome de Candeán (2012) e As outras historias (2011), entre outros.
Foto da autora ©distrito xermar