Estás aquí:

Código: 1308

Grial 205

12,00  IVE INCLUIDO
A Galicia de Albert Camus
Así titula María Lopo, doutora en Literatura Francesa pola Universidade de Rennes, o traballo que abre o monográfico que o número 205 da revista GRIAL dedica ás relacións entre o autor de ‘L’étranger’ (1942), ‘La peste’ (1947) ou ‘La chute’ (1956) con Galicia, ou máis especificamente, coa literatura galega: "A Galicia de Camus".
Son varias as obras do autor francés traducidas á nosa lingua, dende ‘Os xustos’, por Xosé Manuel Beiras, en 1987, a ‘O estranxeiro’, por Valentín Arias; ‘A caída’, por María Dolores Cabrera, ou, máis recentemente, o ‘Calígula’ e ‘O malentendido’, por Inma López Silva, por citar só algúns textos. Aínda non hai pouco que o Consello da Cultura Galega dedicou unhas interesantes xornadas a glosar a obra de Camus e as súas relacións coa literatura e a intelectualidade galega dos anos 50 e 60 do pasado século XX.
María Lopo, Manuel Forcadela, Andrés Torres Queiruga, Damián Villalaín e Carlos Fernández asinan os textos do monográfico de GRIAL que, sen esgotar o tema, apuntan diversas perspectivas: a relación coa actriz galega María Casares, por exemplo, e a descuberta mutua dos mundos simbólicos a través da relación persoal e a creación artística entre ambos os dous; a presenza do autor francés en obras como ‘Cara a Times Square’ (1980), de Camilo Gonsar, e a Nova Narrativa Galega dos anos 60; o problema do mal e o mito de Sísifo; as relacións e influencias nun autor tan "camusiano" como sempre se declarou Carlos Casares…
Son traballos complementarios do debate que recentemente se abriu arredor do escritor francés, que deixou forte pegada na intelectualidade do seu tempo (tamén en Galicia) e mesmo abriu polémicas transcendentes co seu compañeiro de letras e nalgún momento compañeiro de acción política, Jean-Paul Sartre.
Con todo, a Carta do Editor, que asina o codirector de GRIAL, Víctor F. Freixanes, vai dedicada nesta ocasión á memoria de Xosé Filgueira Valverde, a quen a Real Academia Galega dedicou este ano o Día das Letras Galegas; na sección Rego da Cultura presentamos a Biblioteca Filgueira Valverde (que inclúe nova edición dos dous primeiros ‘Adral’, ‘Quintana viva’ e ‘O vigairo’), e a profesora Camiño Noia Campos publica un cumprido traballo sobre "Os estudos de lingua e literatura galegas" do profesor pontevedrés.
Entre outras informacións inclúese noticia do Congreso Internacional de Estudos Galegos que o pasado mes de abril se celebrou na cidade de Buenos Aires. GRIAL está a preparar, ao respecto, un número dedicado a este tema: a Galicia de Buenos Aires, para o próximo trimestre (abril, maio, xuño).
Henrique Monteagudo publica e contextualiza varias cartas entre Castelao e Ramón Otero Pedrayo, continuación da crónica que o noso codirector vén construíndo sobre a presenza e a transcendencia cultural e política do rianxeiro dende o exilio de América, mentres que Ramón Villares nos pon diante do diálogo entre dous pensadores próximos: o valenciano Joan Fuster e o galego Ramón Piñeiro, tamén a través de correspondencia cruzada entre eles, na sección Documentos. Son achegas para a reconstrución dun tempo histórico importante para todos.
Ademais das seccións habituais de libros, Creación (Alba Cid e Antón Riveiro Coello) e Crónica ("Carta de Buenos Aires", da xornalista Claudia Amigo), o número 205 inclúe un interesante ensaio de Thomas S. Harrington, profesor de Estudos Hispánicos no Trinity College de Hartford (Connneticut, USA) sobre "Sistemas periféricos, disciplinamento doutrinal e o futuro dos estudos galegos", e un traballo de Carlos L. Bernárdez sobre "Arte nos campos de internamento franceses" durante a Segunda Guerra Mundial.

Comparte nas túas redes sociais ou por email

Detalles do libro

Páxinas: 148
Deseño: Rústica
Data Publicación:
Dimensións 185 x 270 mm.
Colección: Grial
Nº na colección:
Edición: 1ª
Editorial: Galaxia
ISBN:
Observacións:

Novas relacionadas con este libro

AUTORES/AS

VV.AA.

As súas obras

Grial 183
grial
12.00€ CON IVE